O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, mantivo o pasado venres unha reunión co bispo diocesán, Fernando García Cadiñanos, para abordar varias cuestións de interese mutuo. Entre elas está o plan de dinamización de Santo André de Teixido que ten intención de presentar a Diócese e, pola parte do Concello, o propósito de comprar para o uso veciñal a parte rústica da parcela catastral da Reitoral de San Román.
Foi unha primeira toma de contacto na que ambas partes manifestaron a súa vontade de colaboración.
Segundo explicou o alcalde, a intención do Concello sería promover a segregación da parte rústica da Reitoral de San Román, deixando para a Diócese a urbana, dado que o proveito que tería para a veciñanza o seu uso como un espazo para o desenvolvemento de actividades deportivas e lúdicas.
En principio a proposta tivo unha boa acollida por parte do bispo diocesán, que acudiu ao Concello de Cedeira acompañado do cura párroco de Santo André, Antón Rúa. A idea da Diócese de elaborar un plan de dinamización de Teixido tamén foi recibida con interese por parte do responsable municipal, dado que é un lugar de grande interese turístico para Cedeira.
García Cadiñanos e o alcalde de Cedeira falaron tamén das posibilidades que hai para que a veciñanza da parroquia de Regoa poida seguir a utilizar o adro da igrexa para o desenvolvemento de actividades culturais e lúdicas, mesmo tamén a través da súa compra por parte do Concello.