As obras demoleron o formigón en mal estado, materializaron unha senda peonil e unha escaleira novas para mellorar a accesibilidade ao areal e instalouse unha varanda de madeira que garanta a seguridade dos peóns. A intervención contou cun investimento de 61.000 euros asumidos polo Goberno central a través da Demarcación de Costas de Galicia dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.
A Demarcación de Costas de Galicia vén de comunicar ao Concello de Ares o remate dos traballos que se estaban a executar no acceso á praia de Seselle dende a contorna de Os Castros, unha obra que mellora a entrada a este areal tan concurrido ao longo de todo o verán.
A intervención executada pola Demarcación, froito dun proceso constante de diálogo e coordinación entre esta entidade e o Concello, permitiu impulsar a accesibilidade ao demoler a escaleira en mal estado, instalando posteriormente unha nova con base de formigón, amais de reacondicionar a senda peonil que leva ata a praia.
A maiores, é preciso sumar a estas actuacións as novas varandas de madeira que delimitan a zona e as canalizacións que poñen fin aos problemas de escorrentía que se producían na senda.
As obras supuxeron un investimento de 61.278,20 euros asumidos na súa totalidade polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico a través da Demarcación, e dan continuidade ao traballo desenvolto dende o Concello na mesma liña de impulso da accesibilidade noutros espazos naturais de enorme valor para Ares, como o feito na contorna da praia do Xuncal, a baixada ao Raso ou o areal de Chanteiro.