Un ano máis, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e o Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), situado no Concello das Somozas e xestionado por SOGARISA, acollen o “Curso de Xestor/a de Residuos: a actividade profesional verde”, do 17 ao 23 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, da man da Cátedra Epifanio Campo que promove a Universidade da Coruña (UDC) xunto co Grupo Rodonita.
Ao igual que en anteriores edicións, o Campus Industrial de Ferrol acolle unha formación dirixida a todas aquelas persoas que queiran adquirir unha competencia profesional básica no eido da xestión dos residuos industriais, poñendo o foco no estudantando e nos titulados e tituladas universitarias, así como nos e nas profesionais do ámbito industrial que queiran iniciarse ou afondar nesta temática. Os contidos teñen un enfoque eminentemente práctico, tendo en conta tanto a perspectiva profesional do xestor ou xestora de residuos autorizado como a de calquera industria xeradora de residuos.
O curso será impartido por un bo número de profesionais do sector vinculados a SOGARISA e máis por persoal docente e investigador da Universidad de Huelva (UHU) e máis da Universidade da Coruña (UDC).
O denominado “emprego verde” é unha das saídas profesionais con mellores perspectivas de futuro. As súas áreas de actuación son amplas e variadas, dentro das que se inclúe a figura do xestor ou xestora de residuos para levar a cabo de forma adecuada a recollida e transporte, almacenamento, tratamento, valorización e/ou eliminación dos materiais refugados que producen as actividades industriais.
As persoas interesadas en participar neste curso formativo teñen ata o 22 de xuño para formalizar a súa inscrición. O prezo da matrícula para o alumnado dalgún dos títulos oficiais da Universidade da Coruña (UDC) é de 75 euros. A tarifa para o público xeral ascende a 100 euros.
Máis información enviando un correo electrónico a catedra.epifaniocampo@udc.es.
A Cátedra Epifanio Campo
Impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e polo Grupo Rodonita No ano 2019, a Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita poñen en marcha a Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría
de Ferrol (EPEF) e dirixida pola profesora Maripaz Mateo.
O seu ámbito de actuación é o medio ambiente, a xestión de residuos e a sustentabilidade. Os obxectivos da cátedra céntranse en promocionar todo tipo de actividades de formación, divulgación, investigación e transferencia de coñecemento, relacionadas coa xestión medioambiental.