Valdoviño leva ó Faro de Meirás o espectáculo “Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio”

A representación da peza, interpretada por Mariña Lestón, inclúese no ciclo municipal “Ven o Venres”, e arrinca ás 22:00 horas con entrada libre.

O programa municipal de teatro «Ven o Venres» sairá esta semana do auditorio da casa da cultura para propoñernos unha experiencia sensorial e emocional única na contorna do Faro de Meirás. É o escenario elixido pola Concellería de Cultura que dirixe Rosana García para a representación da peza «Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio». A función terá lugar este venres 13 de xuño, ás 22:00 horas.

A obra, escrita, producida e interpretada por Mariña Lestón, convídanos a realizar unha viaxe pola historia do noso mar a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. Historias sobre naufraxios na Costa da Morte para lembrar ás persoas que xa non están, e para poñer en valor e visibilizar ás que quedaron en terra: as viúvas, as orfas, as que socorreron… Para que as súas historias non caian no esquecemento.

Con esta obra, o Concello de Valdoviño pon o broche de ouro ao ciclo municipal de teatro «Ven o Venres», que se despide ata a próxima tempada, xa polo mes de outubro. Un proxecto que Cultura programa cada segundo venres de mes para un público adulto, e que este curso trouxo a Valdoviño, entre outras propostas, os espectáculos «Invisibles» de Redrum Teatro; Ragazzo de Barrosanta, ou «Retrincos de Castelao» da compañía Artefeito.

 

Lea también

El Concello de Ferrol aprueba las bases de fomento de la cultura de 2025

Este lunes la junta de gobierno local ha dado el visto bueno a la aprobación …