O 6 de maio de 1912 naceu en Ferrol José Leyra Domínguez que, ata o seu falecemento o 31 de decembro de 1997, tivo na nosa cidade unha activa traxectoria en diversos eidos do traballo e da cultura; como mestre, profesor mercantil e licenciado en Dereito; como escritor, periodista e conferenciante; e como prolífico pintor cunha produción de arredor de tres milleiros de obras. Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde o ano 1951 e membro numerario da Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario desde o ano 1978.
No que se refire á escrita deixada por José Leyra, cumpre dicir que foi moi variada. Dous obras de gran interese son En torno a Pablo Iglesias (A Coruña 1995), unha detallada biografía sobre o político ferrolán e os acontecementos políticos da súa época, e Xacobe e Prisciliano (Vigo 1997), un estudo histórico de gran interese sobre un controvertido personaxe da igrexa galega. Os seus contos e narracións curtas presentan unhas historias que amosan unha especial habelencia e coñecemento do país, casos de Unha man ao pé do cruceiro, A pousada do Pote Grande, Gurgullos mareiros e A morte do boi. Deixou ademais inéditas varias obras como un traballo autobiográfico titulado Desenterrando recuerdos, El Papa Juan XXIII y el escultor Giacomo Manzú e unha Historia de San Sadurniño.
Dedicadas de xeito concreto ao seu mestre, o pintor Bello Piñeiro, escribiu outras dúas obras: o ano 1963 La decoración mural de Bello Piñeiro en el Casino Ferrolano, onde describe polo miúdo las singulares pinturas modernistas coas que Bello Piñeiro decorou a Sala de Conversas do edificio da sociedade ferrolá o ano 1925; o ano 1967 Bello Piñeiro y su tiempo, un axustado ensaio da vida e obra do pintor do Seixo e da pintura galega da época, con prólogo de Otero Pedrayo.
Na Real Academia Galega
Sobre o tema específico da pintura ferrolá publicou o ano 1985 Aportación de Ferrol al arte pictórico, que foi o tema do seu discurso de recepción na Real Academia Galega, contestado por Juan Naya Pérez, e o ano 1987 publicou Pintura ferrolana, un completo estudo sobre os pintores de Ferrol, obra prologada por Camilo J. Cela e moi prezada polo estudosos. Previamente, o ano 1980, no Catálogo da Exposición “Pintores ferrolanos publicado pola Deputación Provincial da Coruña, escribiu o artigo Sahumando recuerdos, no que fai un percorrido pola pintura de Bello Piñeiro, Carmelo González, Martínez Vilela e Antolín López Porta.
De gran interese para Ferrol foi a súa obra Ensayo en torno al periodismo ferrolano, publicada o ano 1989. Ademais da súa faceta como conferenciante sobre temas históricos e culturais, José Leyra publicou numerosos ensaios literarios e traballos críticos en diversas publicacións como Aturuxo, Nordés, Vida Gallega, Arte Galicia, Abrente, Finisterre, Libredón (Santander), Alborada (Barcelona) e Vida Gallega (Buenos Aires).
No que atinxe a súa faceta de pintor, Leyra Domínguez, que baixo a sinatura de moitos dos seus cadros engadía o nome de Galicia, foi un autor de temática esencialmente paisaxística, amosando nas súas obras un país tradicional moitas veces humanizado pola presenza dos habitantes da terra. Son de gran interese as súas paisaxes de fragas e soutos que amosan as cañotas e os vellos troncos de árbores, mentres que a súa pintura ven reforzada cunha paleta rica en cores, onde salientan os seus característicos verdes, mentres busca a compaña do mellor xogo de luces. Foi tamén un excelente pintor de mariñas reflectindo nos seus cadros o mar de fóra, ese mar varuda e intensa que bate os lugares máis fragosos da costa ferrolá desde San Xurxo a Valdoviño.
Fundador da Asociación de Artistas Ferroláns
Fundador o ano 1956 da Asociación de Artistas Ferroláns e Presidente de honra da Sociedade dos Amigos da Paisaxe Galega, Leyra Domínguez non se prodigou de xeito especial, espazando as súas exposicións que celebrou, practicamente todas elas dentro de Galicia. Levou a cabo a primeira delas o ano 1946 na Escola Elemental do Traballo de Ferrol, onde alternou con varios pintores, entre eles Bello Piñeiro, expoñendo logo, entre outros lugares, no Casino Ferrolano, Asociación de Artistas da Coruña e o Círculo das Artes de Lugo.
A súa derradeira exposición foi unha interesante mostra antolóxica organizada polo Ateneo Ferrolán na súa lembranza en Novembro-Decembro do ano 2000, dous anos despois da súa morte, no Centro Cultural Municipal, amosando setenta obras seleccionadas entre os tres mil cadros que pintou. Hoxe en día conservan cadros da súa autoría o Concello de Ferrol, o Casino Ferrolano, o Real Coro Toxos e Froles, o Ateneo Ferrolán e a pinacoteca do Hospital de Caridade.
Este ano cumpriuse o centenario do nacemento deste ilustre ferrolán. Como xa escribín en varias ocasións, o caso de José Leyra Domínguez únese a outros similares, por mor do desinterese dunha cidade ensimesmada e dunhas paralizadas asociacións culturais que están máis atentos a calquera cousa que poda vir de fóra, esquecendo os valores propios de cidade.
Atinadísimo comentario … una pena tanta gente valiosa a la que no se le ha prestado la atención que se debiera y tanto mamarracho colgado en el Torrente
Además de lo expresado por María hay que añadir que elegir un concejal de cultura que no conoce el mapa cultural, ni el sociológico, ni siquiera el físico de la ciudad es el mayor error del alcalde. Si al menos tuviera interés en conocer la ciudad o se dignara escuchar…