A Deputación acolle a presentación do Congreso “1985-2025: 40 anos de bases de réxime local e do control externo local en Galicia”

A Deputación da Coruña acolleu o acto de presentación do Congreso “1985-2025: 40 anos de bases de réxime local e do control externo local en Galicia”, que se celebra os días 15 e 16 de setembro no Palexco da cidade da Coruña.

Presentación Congreso 1985-2025 «40 amos de Bases de Rèxime Local e do control externo local en Galicia»

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro Fernández, e o conselleiro de Corporacións Locais do mesmo órgano, Simón Rego Vilar, foron os encargados de presentar este encontro que se configura como un foro de diálogo e análise sobre a evolución da administración local galega nas últimas catro décadas.

Durante a súa intervención, González Formoso destacou o papel decisivo que xoga a arquitectura municipal na vida da cidadanía e apostou por unha redefinición do actual modelo competencial e de financiamento das entidades locais, que permita adaptalo á realidade social e institucional do século XXI. “Os concellos son a primeira liña de contacto coa veciñanza e precisan dun reforzo consensuado e dunha reflexión xurídica máis axustada aos tempos actuais”, sinalou, agradecendo ao Consello de Contas a oportunidade de colaborar na organización dun congreso “moi necesario e útil para o futuro do municipalismo”.

Pola súa parte, Juan Carlos Aladro subliñou que o Congreso permitirá afondar nos principais desafíos que afronta a administración local, como a excesiva carga competencial dos concellos, o financiamento insuficiente, o papel dos gobernos intermedios ou os novos retos en materia de control e rendición de contas. Tamén incidiu na oportunidade que representan ferramentas emerxentes como a intelixencia artificial na mellora da xestión e da transparencia públicas.

Simón Rego destacou a importancia de conmemorar os 40 anos da Lei de bases do réxime local e da creación do control externo en Galicia. Sinalou que o Congreso será tamén a ocasión para presentar o proxecto “Concello 314”, un portal de datos que recollerá información clave dos 313 concellos galegos, tanto dende o punto de vista da saúde económica como da eficacia na prestación dos servizos públicos, dando a coñecer todas as funcións que cumpre este organismo. Tamén fixo fincapé Rego “no compoñente de futuro que ten este congreso, pois non só se busca analizar a situación actual e a evolución da Lei, senón que se propoñen escenarios futuros e solucións ás necesidades actuais”.

O Congreso, organizado polo Consello de Contas de Galicia coa colaboración da Deputación da Coruña, reunirá na cidade herculina a voces destacadas da academia, da xestión pública profesional e das institucións locais, tanto galegas como doutras partes do Estado.

Entre os relatores e relatoras confirmados destacan Carles Ramió (catedrático da Universitat Pompeu Fabra), Mónica García Saénz, directora general de Estabilidad Presupuestaria do Ministerio de Hacienda, Santiago Lago-Peñas (catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo), Francisco Velasco Caballero (Catedrático de Dereito Administrativo da UAM) Ismael Peña-López (investigador e exdirector da Escola de Administración Pública de Cataluña), Alfredo Galán (director da Fundación Democracia y Gobierno Local), ou José Manuel Pardellas Rivera, (interventor xeral da Deputación da Coruña).

Participarán tamén representantes institucionais e profesionais da xestión pública local, como a presidenta do Consello Xeral de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local, o director da Oficina Nacional de Auditoría da IGAE, a interventora xeral da Deputación de Girona ou a secretaria xeral da Deputación de Barcelona.

A conferencia inaugural estará a cargo de Carles Ramió, mentres que a clausura correrá a cargo de Manuel Villoria Mendieta, recentemente nomeado presidente da Autoridade de Protección ao Informante.

Presentación Congreso 1985-2025 «40 amos de Bases de Rèxime Local e do control externo local en Galicia»

O programa inclúe oito mesas de debate nas que se abordarán cuestións clave como a profesionalización do persoal técnico, os mecanismos de control interno e externo, o financiamento local, os novos desafíos da dixitalización, a transparencia e a participación cidadá, así como o papel das institucións locais na construción democrática das últimas décadas.

Mesas de debate:

Mesa 1: A financiación dunha nova administración local

Mesa 2: Transformación da xestión pública local: Novas ferramentas e capital humano

Mesa 3: O papel dos gobernos intermedios na garantía dos servizos municipais: ¿mito ou realidade?

Mesa 4: Integridade pública local como proxecto compartido de mellora integral da calidade institucional

Mesa 5: Os retos do control interno local: A auditoría pública no horizonte

Mesa 6: O control externo local e o papel de colaboración

Mesa 7: O reto do marco competencial da administración local: As costuras do traxe de 1985

Mesa 8: Mesa de representantes institucionais sobre o futuro da Administración Local: Un novo marco para unha nova realidade

As inscricións serán gratuítas e xa están abertas. Ata o 15 de xullo manterase aberto o prazo para a presentación de comunicacións. Toda a información do Congreso está dispoñible na páxina web: https://congresolocal.ccontasgalicia.es/.

Lea también

Ya se puede solicitar el voto por correo para las Generales del 29 de noviembre

Ya es posible solicitar el voto por correo para las Elecciones Generales que se celebrarán …