San Sadurniño aposta polo deporte ca celebración da BTT, un Trail de montaña e un Cross

O Concello de San Sadurniño e o club ciclista Biela e Chaveta colaboran na organización, o domingo 29 de xuño, da 4ª BTT Concello de San Sadurniño  á que se lle suma o II Trail de montaña -que compartirá coas bicis parte do trazado- e un Cross para a rapazada nos arredores da Cortiña, punto de saída e chegada de todas as probas. A inscrición está aberta a través da web emesports.es para o cross e o trail, e da web da Federación Galega de Ciclismo no caso da BTT, reto principal da xornada cos seus 61 quilómetros de percorrido cruzando pistas e camiños de San Sadurniño, Moeche e As Somozas.

BTT Concello de San Sadurniño foto arquivo/ César Galdo

Biela e Chaveta e o departamento municipal de Deportes volven colaborar na organización da BTT Concello de San Sadurniño, que vai xa pola súa cuarta edición.

Trátase dunha proba federada de dificultade media que comezará ás 08:30 horas ofrecendo tres rutas circulares con saída e chegada na Cortiña, unha de 61 quilómetros e un desnivel de 1.419 metros, outra de 48,9 km e 1.104 metros de desnivel acumulado e unha curta de 23,9 km e 268 metros de desnivel, por pistas e camiños forestais que tocarán, no caso da volta máis grande, catro municipios: San Sadurniño, As Somozas, Moeche e incluso uns metros de Neda.

Fuente César Galdo

O presidente do club, José Manuel Barro, Capi, explica que o itinerario longo, orientado a ciclistas con experiencia, «é duro no primeiro tramo, a subida a Igrexafeita, pero a xente non debe pensar que todo é así, xa que despois a cousa mellora e, dentro da dificultade técnica que tén, é máis doada. Este ano ampliamos quilometraxe por Moeche e As Somozas para que os máis expertos e expertas poidan disfrutar durante máis tempo».

O responsable de Biela e Chaveta engade que os circuítos se deseñaron «para que poida facelos quen queira, desde o ciclista que dá unha volta na fin de semana ata quen quere rutas máis intensas, por iso hai tres trazados con tres distancias adaptadas a cada nivel deportivo. O importante para nós é que a xente disfrute e que quede contenta. Isto non o facemos só por un día de competición, senón porque se as rutas propostas son un éxito, será habitual ver xente facéndoas todo o ano», comenta José Manuel Barro.

Ademais de gozar da bicicleta, as e os deportistas tamén terán puntos de avituallamento contundente. «Ademais da froita e outros reconstituíntes,  tamén imos ter liscos no avituallamento de Igrexafeita e callos no de Pielas, en Naraío. A xente hai que coidala, queremos que se sintan a gusto en San Sadurniño e que noten a camaradería que hai en calquera saída en bici».

As inscricións -máximo 250 participantes- están abertas ata o día 26 de xuño na web da Federación Galega de Ciclismofgalegaciclismo.es, cun prezo de 15€ para deportistas con licenza federativa e 27€  para quen non dispoñan dela.

II Trail de Montaña e I Cross Concello de San Sadurniño

Canda a BTT, Biela e Chaveta e máis o Concello tamén asumen a maiores un dobre reto un reto, organizando ese mesmo día un trail e máis un cross, ambos con saída e chegada no arboreto da Cortiña.

Así, ás 09:00 horas darase a saída do II Trail de Montaña -150 prazas para maiores de 15 anos-, no que se poderán completar dous circuítos, un de 23,9 km -coincidente coa ruta media da BTT- con inscricións a 15€ e outro de 11 km no que haberá que pagar 10€.

Por último, ás 10:00 horas tomará a saída o I Cross Concello de San Sadurniño para as categorías Peques, Sub 8, Sub 10, Sub12 e Sub 14 e distancias desde 200 até 2.000 metros de percorrido, todas elas no interior e nos arredores do arboreto situado ao pé do paseo fluvial. Neste caso hai 100 prazas dispoñibles que se cubrirán, igual que nas outras probas, por orde de inscrición até completar o cupo. O prezo neste caso son 5€.

As inscricións para o II Trail de Montaña e o I Cross Concello de San Sadurniño permanecerán abertas ata o 24 de xuño a través da web www.emesports.es. Os dorsais para todas as carreiras do domingo  29 -tamén para a BTT- poderán recollerse na tarde do sábado en Decathlon Ferrol ou na Cortiña o propio día, entre as 07:00 e as 08:15 horas.

Tanto participantes como acompañantes -para quen haberá unha excursión xeolóxica guiada ao Castelo e o Forgoselo- tamén poderán quedar xantar, por un prezo de 15€ por persoa (gratis menores de 12 anos). Se o tempo o permite, o xantar farase ao aire libre, á sombra das árbores da Cortiña. Se chovese levaríase para o patio cuberto do CPI.

Pódese obter máis inormación contactando con Biela e Chaveta no correo bielaechaveta@gmail.com. A entidade e a Concellaría de Deportes teñen programadas outras dúas probas para máis adiante, integradas no programa anual Sansa en Rodas 2025. Son a III Cronoescalada Sanrockeira do venres 8 de agosto e a Ruta Nocturna BTT do venres 19 de setembro.

Biela e Chaveta ten nestes días unhas 20 persoas facendo labores organizativos en colaboración con persoal municipal. O propio día das probas o club contará con arredor de medio cento de colaboradoras e colaboradores para que todo saia ben. «É un reto loxístico para o club e para nós como Concello», comenta o titular de Deportes, Manel Martínez Pérez. «Nunca antes afrontáramos un reto semellante. Hai que ter en conta que ao ritmo que van as inscricións, na mañá do domingo 29 de xuño pode chegar a haber 400 persoas correndo ou na bici polos montes do territorio. Hai que ter xente da organización en moitos puntos, ter previstas moitas cousas e axustalo todo a un horario. É complexo, pero confiamos no bo facer demostrado por Biela e Chaveta noutras ocasións».

Pola súa banda, o alcalde, Secundino García Casal, apuntou onte durante a presentación dos carteis das tres probas que «San Sadurniño vai ser a fin de mes a capital indiscutible do deporte comarcal», habida conta de que «non é habitual que coincidan tres probas deste tipo, como vai ocorrer aquí. Vai ser unha festa do deporte e tamén unha boa oportunidade de dar a coñecer a riqueza paisaxística e xeolóxica do noso concello».

Información e inscricións para a IV BTT Concello de San Sadurniño
Información e inscricións para o II Trail de Montaña Concello de San Sadurniño
Información e inscricións para o I Cross Concello de San Sadurniño

Lea también

O Parrulo Ferrol hará Fan Zone en A Malata este domingo antes de su primer partido de la Final del playoff de ascenso

No hay dos sin tres. O Parrulo Ferrol quiere que este domingo en el primer …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *