A concelleira de Feiras e Mercados de Narón, Mar Gómez, presentou con Lidia García, presidenta da Asociación de Caniches de Galicia, Borja Alexandre e Marta Murillo, integrantes da citada entidade, e cos caniches Coco e Bali, a terceira edición da Canichada de Galicia, que este ano se celebrará no recinto feiral do Trece, en Sedes, o sábado 14 de xuño, a partir das 11:00 horas.
O Concello e a Asociación de Caniches de Galicia organizan este encontro, ao que está confirmada a asistencia de 150 cans da citada raza procedentes de varios concellos de Galicia e tamén doutras comunidades, como Castela León, Madrid e o País Vasco, entre outros. A programación da xornada inclúe propostas en horario de mañá e de tarde, que se iniciarán ás 11:45 horas cunha charla de alimentación canina a cargo de Marta Murillo, nutricionista, adiestradora canina e propietaria do establecemento Moy Dog, de Ferrol.
A continuación, ás 12:00 horas, dará comezo outra charla, nesa ocasión sobre perruquería canina, que impartirá Andrés Martínez, estilista canino cun establecemento especializado nesta área en Santiago de Compostela, Andrés Dog Groomer. Ao mediodía, ás 13:00 horas comezarán varios xogos, que se desenvolverán tamén en horario de tarde. As charlas desta convocatoria retomaranse ás 16:30 horas, cando Irene Serra, adestradora canina e propietaria de Masqcan, en Vigo, falará sobre educación canina.
Finalmente ás 17:30 horas haberá un concurso e sortearanse varios agasallos, tal e como indicaron dende a organización. A proposta, de balde, completarase con nove postos de venda de diferentes produtos: alimentación para cans (pensos), arneses (algúns modelos artesanais), chapas identificativas para estes animais… “Este é un evento ao que pode vir calquera persoa que o desexe, é específico de caniches para que socialicen entre si, pero poden vir outras razas, non está pechado a ninguén”, asegurou Lidia García.
A maiores, as persoas que desexen poderán comer no propio recinto do Trece, onde se establecerá un servizo de catering. As persoas que desexen degustar o menú dese día, a base de paella e churrasco, deben anotarse previamente a través do teléfono 663 226 514.
Finalmente, a concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez, agradeceu a aposta da Asociación de Caniches de Galicia “por facer este evento na nosa cidade, despois das edicións celebradas en anos anteriores en Vigo e Fene”. A edil destacou o labor da entidade e a calidade da programación a desenvolver na xornada, animando á cidadanía a achegarse á terceira Canichada de Galicia.