O parque da rúa de Miño acolleu o acto inaugural da VIII edición da feira Primavera no Camiño Inglés, unha cita xa consolidada que reúne aos 18 concellos polos que discorre esta ruta xacobea. Organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña, o evento ten como obxectivo dar a coñecer os atractivos turísticos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta milenaria que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

A inauguración contou coa presenza do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, como anfitrión da xornada, así como co presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira.
Xunto a eles, asistiron alcaldes, alcaldesas e representantes institucionais dos dezaoito municipios polos que discorre o Camiño: Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela.


Bernardo Fernández destacou “a importancia da cooperación entre concellos para poñer en valor un Camiño que non só forma parte da nosa historia, senón que é tamén unha oportunidade de futuro para as nosas vilas e cidades”. Subliñou, ademais, o notable crecemento do Camiño Inglés nos últimos anos, que se consolidou como unha das rutas con maior incremento de peregrinos, tanto nacionais como internacionais.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou o valor deste tipo de eventos para a comarca: “Esta celebración é un exemplo de cómo o Camiño Inglés é moito máis que unha ruta de peregrinación; é un eixo vertebrador que nos une e nos permite compartir o mellor de nós mesmos. Para Miño, acoller este evento é unha oportunidade para compartir e poñer en valor o noso patrimonio natural, cultural e gastronómico”.
Pola súa parte, Antonio Leira salientou o apoio constante da Deputación ao Camiño Inglés, tanto na organización de eventos como esta feira, como noutras accións de promoción exterior. “A Deputación leva anos desenvolvendo unha estratexia de proxección internacional do Camiño Inglés, especialmente no Reino Unido, país de orixe de moitos dos peregrinos que percorren esta ruta, e os resultados están á vista: cada ano son máis os camiñantes que elixen esta vía xacobea”, afirmou o deputado.


Leira tamén puxo en valor o traballo dos concellos e da Asociación por consolidar esta cita anual, que “converte o Camiño nun espazo de encontro, participación e posta en valor do que nos une como territorio”.
A xornada arrancou cun pasarrúas a cargo das gaitas da Escola Municipal de Música de Abegondo e continúa durante todo o día cunha ampla programación para todos os públicos: degustacións de produtos típicos locais, showcooking en vivo, actividades infantís, espectáculos teatrais, presentacións literarias e actuacións musicais.
Os visitantes poden gozar tamén dunha ampla oferta gastronómica do gastrobar e dos postos dos 18 concellos, que amosan o mellor da súa tradición, cultura e produtos locais.