Se celebra esta fin de semana o VI edición do Slalom Vila das Pontes

O circuíto das Pontes alberga, esta fin de semana a sexta edición do Slalom Vila das Pontes, puntuable para o Campionato Galego de Slalom da Federación Galega de Automobilismo.

A proba, organizada dende o Automóbil Club As Pontes (ACAP), presentábase na tarde de onte nun acto no que o Concello das Pontes, patrocinador do evento, estivo representado pola concelleira Ana Pena, no que tamén tomaron parte os integrantes da directiva do club pontés.

Ana Pena destacaba o traballo e o esforzo por parte da escudaría pontesa para celebrar esta proba. “Dende o Concello teñen todo o noso apoio e colaboración, como non podía ser doutra maneira. Estamos moi orgullosos porque grazas a eles e a este tipo de probas, As Pontes volve ser o epicentro das actividades do deporte do motor en Galicia”

Subliñaba tamén a concelleira que este tipo de eventos son “esenciais para a nosa vila, xa que ademais de supoñer unha proposta de ocio e unha alternativa diferente para a veciñanza das Pontes, tamén axudan a dinamizar a economía local polo gran número devisitantes que recibiremos esta fin de semana”.

Aproveitaba a ocasión Ana Pena para convidar aos veciños das Pontes a achegarse esta fin de semana ao circuíto “para que poidan gozar dunha proba automobilística que de seguro vai ofrecer un gran espectáculo”.

A proba pontesa contará con preto de 70 inscritos para as sete modalidades que se van disputar ao longo de toda a xornada, o que supón todo un éxito de participación, segundo apuntaban dende a escudaría pontesa.

Emilio Ledo, presidente de ACAP, contaba que “despois de seis anos este Slalom Vila das Pontes xa está consolidado dentro do calendario do Campionato Galego de Slalom, e para nós é un orgullo como organizadores estar dentro das tres mellores probas do campionato, segundo as valoracións da Federación Galega de Automobilismo”.

Destacaba tamén o presidente o esforzo e colaboración do Concello das Pontes para poder organizar este evento, pero tamén quixo facer unha mención especial aos máis de 40 voluntarios que traballarán arreo durante a fin de semana colaborando coa escudaría. En canto ao desenvolvemento da proba, os participantes deberán facer fronte a un percorrido de algo máis de 1.300 metros, en dúas mangas oficiais, e haberá un total de sete agrupacións xa que, como xa se fixo na edición anterior, este ano volve estar incluído o grupo VII no que participan vehículos de serie, con 1.200 cc de cilindrada máxima.

Haberá premios para os oito mellores da clasificación xeral; tres premios en cada unha das agrupacións e o Trofeo Talleres Trevín para o último clasificado sen penalizacións. Tamén se recoñecerá ás participantes femininas que acaden o mellor posto na clasificación xeral co trofeo DV Vilabella.

Este VI Slalom Vila das Pontes dará comezo o sábado 31 de maio ás 8:30 horas coa entrega dos dorsais e as verificacións técnicas dos vehículos participantes. Ás 11:00 arrincará a primeira manga de adestramentos e xa dende as 16:00 horas disputarase a primeira manga oficial. Ao seu remate arrincará a segunda manga puntuable para este trofeo. A entrega de premios está marcada para as 22.00 horas, nas mesmas instalacións do circuíto pontés.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *