Pazo da Cultura e Auditorio de Narón acollen traballos e espectáculos de final de curso das Escolas Culturais do Padroado

O Pazo da Cultura de Narón e o Auditorio municipal acolle este mes e ata o 8 de xuño as mostras de finais de curso das diferentes escolas do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Así o anunciou a presidenta do Padroado e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que indicou que actualmente, e ata o vindeiro 1 de xuño, se pode ver nas citadas instalacións municipais unha mostra cos traballos realizados polo alumnado da escola de debuxo.

“Máis de 1.200 alumnos acudiron este curso ás Escolas Culturais do Padroado da Cultura, onde se oferta unha gran variedade de propostas dirixidas a persoas de todas as idades, a partir de 3 anos, e que son unha das apostas máis importantes nesta área realizadas dende o Concello”, recalcou Ferreiro.

Na xornada deste mércores 21, a maiores, poderase ver no Auditorio municipal, ás 20:30 horas, a obra “Shakespeare fronte ó espello”, unha interpretación de textos de Shakespeare, dirixida por Silvia Casal e protagonizada por alumnado de segundo curso da Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón.

As mostras continuarán este domingo, día 25, ás 18:00 horas, cos obradoiros teatrais infantís dos grupos do Alto do Castiñeiro, que representará “A casa das nenas mortas” e o grupo da Gándara, con “A chuvia zombi”, en ambos casos con textos de Maite Dacosta. A vindeira semana o luns será o turno dos obradoiros teatrais infantís, nesa ocasión o de Domirón, ás 16:30 horas no Auditorio municipal, e o martes actuará nese mesmo espazo o grupo alumnado de teatro musical do curso Practicum da Escola de Formación de Actrices e Actores, que representarán “Un lugar chamado Broadway”, dirixidos por Bea García e Celia Gómez.

O xoves 29 ás 16:00 horas haberá unha mostra dos obradoiros de teatro infantís, que representarán a peza “O circo”, unha creación colectiva; as 17:00 horas “Unha de zombis” e ás 18:00 horas “Plasma solar”, nestes dous últimos casos adaptacións de textos de Pepablo Patinho.

O sábado 31 será o turno dos obradoiros de teatro xuvenil, cuxo alumnado se subirá ao escenario do Auditorio municipal para representar ás 19:00 horas “Animais exóticos”, o grupo da Gándara; “Mullerazas”, o da Solaina e ás 20:00 horas “Efecto ballerina”, do grupo de adultos, nos tres casos con textos de Maite Dacosta. Ese mesmo día, o 31 de maio, serán os finais de curso das Escolas de música e baile tradicional, con dous festivais, un ás 16:30 horas e outro ás 19:30 horas, no Pazo da Cultura.

Finalmente, o 8 de xuño terá lugar no Pazo o fin de curso de bailes de salón, a partir das 18:00 horas.

Lea también

Narón publica as listaxes definitivas de menores admitidos nas tres Escolas Infantís Municipais

A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, anunciou a publicación na web municipal das listaxes definitivas …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *