Fene fixo historia este venres ao escoller, por primeira vez, unha muller como alcaldesa do concello. Sandra Permuy, até o de agora primeira tenente de alcalde e concelleira de servizos, benestar social, igualdade, seguridade e persoal, foi investida alcaldesa co apoio das concelleiras do BNG e Esquerda Unida no pleno celebrado esta tarde no Concello.
A sesión contou cunha gran afluencia de público, que ateigou o salón de plenos para presenciar unha xornada sinalada. Entre os asistentes, destacaron dúas figuras moi ligadas á historia do nacionalismo en Fene: os exalcaldes Xosé María Rivera Arnoso, e Juventino Trigo, quen suman máis de 36 anos de gobernos nacionalistas no municipio, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que quixo arroupar á nova rexedora “nun día histórico para Fene e para Galiza”.
Un discurso centrado na igualdade e no compromiso
No seu primeiro discurso como alcaldesa, Sandra Permuy reivindicou o avance en igualdade que supón a súa elección: “Nunca na historia do noso concello houbo unha muller na alcaldía. Pode parecer anecdótico, mais trátase dun cambio radical”. Subliñou que a corporación actual “parécese máis que nunca ao pobo que nos elixiu” e que “neste pleno, Fene marca un novo fito sendo a política local a que leva a dianteira en materia de igualdade”.
Permuy tamén foi clara ao afirmar que “existe machismo e existen barreiras para as mulleres, incluso nas persoas que exercen cargos públicos e que fan o contrario do que din”, pero asegurou que “con paciencia, constancia e moita reivindicación, as mulleres acadaremos unha sociedade máis xusta e máis igualitaria”.
A nova rexedora agradeceu a confianza recibida pola asemblea local do BNG, a súa executiva comarcal e a portavoz nacional, Ana Pontón, así como “aos grupos municipais que, con lexítimas diferenzas, trasladáronme estes días o seu compromiso con Fene”.
Orzamentos en vigor e proxectos en marcha
No seu discurso a nova alcaldesa tamén destacou que “hoxe entran en vigor os orzamentos municipais, uns orzamentos de máis de 16 millóns de euros, cheos de proxectos e de forza transformadora”. Avanzou que a reorganización do novo executivo que presentará nuns días seguirá traballando con diálogo cos grupos municipais e coa veciñanza, para mellorar os servizos básicos, o benestar social, o urbanismo, a accesibilidade, o emprego e a calidade de vida en Fene.
“Temos retos importantes: seguir a mellorar as rúas e camiños, impulsar un novo PXOM, eliminar barreiras físicas e tamén mentais, traballar a prol do emprego digno, dunhas escolas e dunha sanidade á altura… e petar en todas as portas para mellorar Fene”, asegurou.
Tamén fixo referencia ás palabras do seu predecesor, Juventino Trigo, no seu último discurso de investidura: “Fene merece un goberno estable e forte, pero sobre todo, un goberno honesto, transparente, que faga política con maiúsculas, para a xente e coa xente”. E concluíu: “O obxectivo está logrado: Fene conta con estabilidade, honestidade, proxectos e equipo para desenvolvelos”.
Sandra Permuy finalizou a súa intervención cunha mensaxe cargada de emoción e compromiso: “Síntome orgullosa, como muller do metal, de ser a primeira alcaldesa do meu pobo. Estarei á altura co apoio de todas e todos vós. Moitas grazas de corazón”.

Nova incorporación na corporación municipal
Apenas uns minutos antes do pleno de elección da nova alcaldesa de Fene, a corporación celebrou un pleno extraordinario urxente no que se formalizou a incorporación de Alba García Fariña como nova concelleira do BNG, ocupando o escano deixado por Juventino Trigo tras a súa renuncia. A nova concelleira prometeu o cargo por imperativo legal, e foi recibida cun aplauso por parte da corporación e o público presente.
Sandra Permuy e Alba García
A nova alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, naceu en 1974 e é educadora infantil de profesión. Ten unha longa traxectoria vinculada ao compromiso social e institucional, e forma parte da corporación municipal desde o ano 2015, exercendo diversas responsabilidades de goberno ao longo destes anos. Ata a súa elección como alcaldesa, era primeira tenente de alcalde e concelleira de servizos, persoal, igualdade, benestar social e seguridade.
Pola súa banda, Alba García naceu en Fene en 1991. É terapeuta ocupacional e desenvolve a súa actividade profesional en Teima Down Ferrol, centrando o seu traballo no ámbito das persoas con discapacidade. Durante a súa etapa universitaria estivo vinculada aos Comités e á organización estudantil Erguer, e desde 2019 forma parte da Xunta Directiva do CPS San Valentín.
Verbas de Ana Pontón
A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu ao relevo na Alcaldía de Fene e subliñou a experiencia da nova alcaldesa para seguir co proxecto transformador iniciado por Trigo, ao que agradeceu o seu sobresaínte labor.
A líder nacionalista amosou o seu convencemento de que Permuy será unha “excelente alcaldesa” porque ten “experiencia, un profundo coñecemento do concello do concello, das súas necesidades e do seu potencial” e, ademais, conta cunha equipa que xa “ten demostrado que sabe facer avanzar Fene” e que sabe como dinamizar un municipio cun “proxecto transformador e de futuro” a favor dos seus veciños e veciñas.
Pontón mostrouse convencida de que Permuy seguirá o exemplo do seu antecesor no cargo, do que tamén salientou a súa maneira de entender a política como unha ferramenta que serve para mellorar a vida da xente.
“O exemplo político dun dos bos e xenerosos”, recalcou para destacar a continuación a grandeza de Trigo á hora de saber pechar unha etapa política, coa cabeza alta e co traballo ben feito despois de darlle a Fene a “estabilidade política” e de enderezar o rumbo do concello cun proxecto de goberno pensado para a maioría e sempre en defensa do ben común.
Neste sentido, puxo en valor o exercicio político de Trigo á fronte da Alcaldía durante máis de oito anos sempre co único obxectivo de servir e Fene. “Porque así é como entende a política Juventino e así é como entendemos a política no BNG”, indicou a portavoz nacional, quen afirmou que o xa exrexedor pecha a súa etapa como alcalde cun sobresaínte.
«Aportou estabilidade política, unha cuestión imprescindible para que un concello funcione e estea centrado en aportar solucións e atender á veciñanza, e aportou dinamismo económico, social e cultural”, apuntou, para lembrar a continuación o labor do goberno municipal á hora de impulsar sectores estratéxicos como a hostalería e o comercio, desenvolver programas de axudas en materia de benestar social, implantar medidas a favor da igualdade ou activar infraestruturas e certames culturais.
Pontón rematou trasladando a Trigo o seu agradecemento e o de todo o BNG polo seu gran traballo como alcalde de Fene, localidade á que sinalou como exemplo dos gobernos municipais de calidade do Bloque. “Tras máis de oito anos, Juventino deixa un concello mellor, que ten unha folla de ruta clara para seguir avanzando, un concello cun proxecto político transformador que xestiona con eficacia e está centrado nas persoas”, concluíu.