O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación dos campamentos urbanos que se desenvolverán durante o verán e o nadal deste ano e de novo no verán de 2026, cun presuposto de 43.930,17€ (IVE incluído). É un servizo de grande importancia para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante os períodos de vacacións, para o que se empregan as instalacións do CEIP Nicolás do Río.
As empresas interesadas en presentar a súa oferta poden facelo ata o 2 de xuño.
Nos pregos de licitación especifícanse as datas e horarios nos que se van desenvolver os campamentos urbanos, que están dirixidos a nenos de entre 3 e 12 anos. Haberá 50 prazas en cada un deles, das que cinco se reservarán a pequenos cunha discapacidade igual ou superior ao 33% sempre que teñan capacidade de integrarse no grupo.
Os campamentos de verán, tanto neste ano 2025 como o vindeiro 2026, serán do 1 de xullo ao 31 de agosto, de luns a venres, agás festivos, de 09.00 a 14.00 horas, mentres que o de nadal terá lugar durante os días 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de 2025 e os días 2, 5 e 7 de xaneiro de 2026, no mesmo horario. O concurso esixe que nos programas estivais haxa un equipo formado por un/a director/a de actividades e tres monitores, mentres que no nadal os requisitos mínimos son tres monitores, en todos os casos cunha xornada laboral de cinco horas diarias.
As ofertas deberán incluír un proxecto técnico co programa de actividades propostas, no que se prestará atención aos valores como a educación para a paz, a saúde, a educación viaira, o deporte e o respecto polo medio ambiente, todo desde unha perspectiva de xénero que promova a igualdade entre os nenos.