A lexendaria agrupación musical Milladoiro celebra este sábado 17 de maio ás 20:30 horas o seu 45º aniversario, cun concerto no teatro Jofre de Ferrol, coincidindo co Día das Letras Galegas. As entradas están xa á venda dende 14 euros na billeteira do teatro e na web de Ataquilla.
Milladoiro iniciou a súa andadura musical o 19 de maio de 1979 no Auditorio dos Salesianos (A Coruña), nun concerto organizado polo Ateneo. 45 anos despois, seguen na estrada de xira ininterrumpidamente. En 1980, un ano despois desde primeiro concerto, publicaron A Galicia de Maeloc, un dos seus discos máis populares e no que se definiu o estilo de Milladoiro coa súa mistura tímbrica propia. Ao longo destos anos sumaron 24 traballos discográficos, con temas icónicos e atemporais.
A banda, que garda un agarimoso recordo aos seus fundadores, na actualidade está formada por Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Harry C., Manú Conde e Manuel Riveiro. Ao longo da súa traxectoria, Milladoiro colaborou con notables artistas do panorama internacional.
Milladoiro recibiu recoñecementos senlleiros como a Medalla de Ouro de Galicia (2012), Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2004), o premio Goya á mellor banda sonora orixinal por La mitad del Cielo (1986), o premio da Música concedido pola SGAE, e o Pedrón de Ouro, concedido polo Padroado Rosalía do Castro (1985).
Entre os escenarios que visitou a banda ao longo dos anos destacan a Cathedral of St. John the Divine de NY, o Teatro Nacional Cervantes de Buenos Aires, o Teatro Gran Casino de Xenebra, a Casa Internacional da Música de Moscú ou o Ryutsu Center de Tokio; ademáis do Palau da Música Catalana de BCN, o Gran Teatro de Córdoba, e o Teatro Arriaga de Bilbao entre moitos outros. E por suposto, sempre en Galicia, con multitude de actuacións en teatros, auditorios e ao aire libre.
En palabras de Milladoiro, “subir a un escenario é un acto que aposta pola longa vida dun tipo de música e, quizáis, tamén dun tipo de vida; é a reafirmación e recoñecemento a unha herdanza que permaneceu fértil grazas a mans sen nome”.