O Pazo da Cultura de Narón acolleu a entrega de premios do “XXXIV Certame Intercentros”

A trixésimo cuarta edición do Certame Intercentros Concello de Narón clausurouse coa entrega dos premios da convocatoria, un acto que se desenvolveu nas instalacións do Pazo da Cultura.

Fuente Concello de Narón

A edil de Ensino e Bibliotecas, Olga Ameneiro, asistiu á convocatoria xunto con outros concelleiros da corporación local, o delegado territorial de Educación, Indalecio Cabana, persoal directivo, profesorado, ANPAS e alumnado dos centros de ensino que participaron na convocatoria: os colexios Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Gándara, CRA de Narón, O Feal, e os IES As Telleiras e Terra de Trasancos.

Uns 3.250 escolares participaron na convocatoria desta edición a través das aulas dos seus centros, realizando diferentes traballos nas modalidades contempladas: expresión oral e canción en galego, canción, teatro, audiovisual, cómic, poesía, narrativa e teatro escrito. José Antonio Blanco e Miguel Vérez, alumnos da Escola de Formación de Actores de Narón encargáronse de presentar a convocatoria, que forma parte da programación municipal con motivo do Día das Letras Galegas.

A concelleira de Educación entregou os premios globais de participación aos directores e xefes de estudos dos centros participantes. Os traballos das modalidades de murais, conto, conto ilustrado e cómic permaneceron expostos ata o mércores 14 no Pazo da Cultura. Tamén se entregaron, por parte da edil de Ensino, representantes da Consellería de Educación, dos centros educativos e outros edís da corporación local –TEGA, PP, BNG e PSOE-os premios correspondentes ás modalidades de expresión oral e canción en galego, canción, teatro, expresión oral, audiovisuais, cómic, narrativa e poesía.

Fuente Concello de Narón

A maiores, entregouse o premio ao cartel anunciador do certame, realizado por Gabriela María Vázquez Charlín, de quinto de primaria do CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia. Unha representación do grupo de cantareiras do Grupo de Música e Baile Tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura, e Sara e Icía, alumnas do IES Terra de Trasancos, foron as encargadas de amenizar esta edición do certame, programado con motivo do Día das Letras Galegas e adicado precisamente este ano á poesía popular oral, personificada en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía e Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, integrantes das pandereiteiras de Mens (Malpica).

A concelleira de Ensino felicitou ao centro organizador desta edición do certame Intercentros, o CEIP Plurilingüe Ponte de Xuvia, e tamén ao alumnado e profesorado que participou no mesmo, así como ao grupo de cantareiras, a Sara e Icía e aos presentadores do acto. Ameneiro destacou a contribución de todas e todos os participantes “para seguir fomentando o uso da lingua galega, a nosa lingua” e destacou a calidade dos traballos presentados nesta edición.

Antes de rematar o acto anunciouse, subiron ao escenario as representantes da equipa de Dinamización Lingüística do Ponte de Xuvia, Verónica Ramos, e a coordinadora do mesmo no IES As Telleiras, María del Carmen Suárez, recollendo esta última o testemuño “con entusiasmo”, tal e como recoñeceu, para organizar o vindeiro ano a XXXV edición do Certame Intercentros Concello de Narón.

Lea también

Campaña en Narón para garantir o cumprimento de pago da taxa polo servizo de recollida de lixo

O Concello de Narón iniciará este xoves 15, unha campaña de regularización fiscal voluntaria previa …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *