O Concello de Neda programa o vindeiro sábado 17, con motivo do Día das Letras galegas, dedicado este ano ás cantareiras e á poesía popular oral, o espectáculo destinado ao público infantil “Dende Rosalía ata as cantareiras. As mulleres nas letras”. A iniciativa, incluída no programa municipal Lesme un conto? poderá desfrutarse na Casa da Cultura, a partir das 12 horas.
Trátase dun espectáculo multidisciplinar, que combina narración oral, música, obxectos e novas tecnoloxías. Unha mestura coa que A Xanela do maxín busca exaltar a herdanza de todas mulleres homenaxeadas nas Letras Galegas, facendo especial fincapé nas Cantareiras e o cancioneiro popular, ás que a Real Academia Galega dedica o 2025.
Dende a declaración do Día das Letras Galegas, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, no ano 1963, rendeuse tributo á súa autora, Rosalía de Castro; a Francisca Herrera Garrido; a María Mariño; a María Victoria Moreno; a Xela Arias; a Luísa Villalta (2024) e, desta volta, á alma e tradición das cantareiras.
O espectáculo, destinado ao público familiar (nenos a partir de tres anos) porá en valor a pegada imborrable na literatura, na música e no teatro galegos de todas estas mulleres, que destacaron pola súa creatividade, compromiso e contribución á cultura galega.
As actividades especiais, co gallo do Día das Letras Galegas, arrancaban o pasado venres co concerto tributo da recoñecida instrumentista local María López ao traballo de “Lucía da Conceiçâo Fernándes, a cega do Covelo”.