O pleno do Concello das Pontes aproba cos votos a favor do Grupo Municipal Socialista e do Partido Popular, e a abstención do Bloque Nacionalista Galego, a adxudicación do contrato do servizo de Axuda no Fogar, por valor de 7,2 millóns de euros.
O obxecto deste contrato é atender á veciñanza que precisa de apoio para desenvolver as actividades básicas da vida diaria e, deste xeito, previr situacións de deterioro e exclusión persoal e social.
Neste sentido, a responsable da área Tania Pardo, apuntou que “a realidade social da cidadanía e a necesidade de recibir servizos de proximidade fan que o servizo de axuda no fogar se consolide como un recurso fundamental na atención e protección das persoas en situación de dependencia”
A través deste servizo ofrecerase atención a persoas ou unidades de convivencia, no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu domicilio, atendendo a persoas dependentes, con déficit de autonomía así como a fogares con menores nos que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo.
Os tipos de atención que se prestará serán catro; de carácter persoal para a realización de actividade da vida cotiá, atención das necesidades de carácter doméstico e de vivenda, acompañamento persoal para a realización de trámites administrativos ou médicos e atencións de carácter psicosocial e educativo.
Ademais dos servizos propios de atención contémplanse outros complementarios tales como fisioterapia, podoloxía, salón de peiteado e limpezas extraordinarias. Por outra banda tamén están adscritos ao servizo equipamento como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, colchóns antiescaras ou cadeiras de rodas, todo isto compleméntase cunha bolsa de servizos de transporte extraordinario para as persoas usuarias que o precisen.
A adxudicataria do servizo foi a empresa pontesa “Servizos Sociais Virxe do Carme, S.L.”, terá unha duración de dous anos, prorrogables dous máis, ata un máximo de catro anos. O contrato contempla un total de 78.000 horas anuais, a un prezo de 23,18 euros/hora (ive incluído) polo que o Concello das Pontes abonará á empresa adxudicataria 1,8 millóns de euros cada anualidade.
Tania Pardo subliñaba que esta cifra supón incremento de aproximadamente 500.000 euros con respecto ao contrato anterior, aumentando en seis euros o prezo da hora. “Se botamos a vista atrás o contrato que tiña adxudicado o concello no ano 2019 era por 12 euros hora. En apenas 6 anos o custe do servizo duplícase para poder ofrecer e garantir a continuidade do servizo nas mesmas condicións e ofrecer un conxunto de atencións ás persoas no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu entorno habitual.”
A concelleira tamén lembra que o Concello das Pontes aporta, dos 1,8 millóns de euros, 600.000 euros dos seu orzamento, “a Xunta deberíase facer cargo desta achega, xa que é da súa competencia, para que os Concellos non teñamos que adicar máis orzamento ao servizo de axuda no fogar, condicionando o orzamento municipal destinado a servizos sociais”