O derradeiro sábado de agosto (día 30) está desde hai anos marcado en vermello no calendario como data de celebración da Feira Rural de San Sadurniño.

Un evento que pon en valor o potencial produtivo dos pequenos concellos coma o noso, aproveitando para iso recursos como a agricultura, a gandaría e outras actividades con grandes perspectivas de cara ao futuro. San Sadurniño convértese así na capital do desenvolvemento sostible cunha grande feira na que atoparemos alimentos frescos e elaborados -horta, froita, conservas, queixos e lácteos, chacinas, etc.-, pero tamén plantas, artesanía, maquinaria e artigos de segunda man.
Todo rodeado dunha chea de actividades que convidan a vir pasar a xornada á beira do Xubia, gozando tamén da natureza e da paisaxe.
O sábado 30 de agosto atoparemos de todo nos sendeiros da Cortiña. De todo, a bo prezo e de excelente calidade, ademais de podermos gozar dun día cumprido en canto a actividades: as visitas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos con prácticas de poda e enxertado, as degustacións de froitas e produtos do centro A Fusquenlla, dous obradoiros de cociña para a rapazada, os descensos en kaiak polo Xubia, o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, sorteos de lotes de produto de proximidade, música ao vivo coas Faíscas da Pontraga e, por suposto, o concurso de froita que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día.
Nesta edición -como parte da celebración do Ano Castelao- tamén contaremos con artistas que en certa maneira recollen o testemuño do pintor e debuxante rianxeiro. Así, na feira veremos traballando ao vivo a Leandro Lamas, Blanca Escrigas, Ana Moreiras e Manolo Carballeira, que nos mostrarán durante a xornada o seu proceso creativo.
Os cadros/láminas que pinten sortearanse ao mediodía e pouco antes da clausura. Tamén se sorteará un deseño feito expresamente para esta feira por Xaquín Marín e unha copia do garabato de Castelao debuxado polo artista gráfico Juanlu Nacha.
O programa completo con todos os horarios e actividades previstas está xa dispoñible na súa versión web e tamén na cartelería deseñada polo Concello, que estes días está empezando a distribuírse polos principais puntos do territorio.
A XVI Feira Rural ten aberto até o luns 25 de agosto o prazo de recepción de solicitudes para os postos que queiran participar. Ao pé desta nova atópanse canda o programa as follas de solicitude, as normas de participación e os prezos de instalación dos expositores, que varían dependendo dos metros ocupados -desde os 10€ dos máis pequenos ata os 60€ dos máis longos-, con opción de solicitar, a maiores, que o Concello poña carpa e toma de electricidade.
De novo, a queles postos que identifiquen o seu produto como ecolóxico deberán ter rexistro no CRAEGA e, de igual maneira, os que se dediquen á venda de artesanía tamén terán que contar co rexistro como obradoiro de artesanía. O listado de admisións publicarase o martes 26, momento a partir do cal as expositoras e expositores deberán satisfacer a taxa que lles corresponda segundo o espazo que reservasen.
A XVI Feira Rural está organizada polo Concello de San Sadurniño coa colaboración da AGFA do Eume e a Casa do Mel de Goente, ademais de contar co apoio da Deputación da Coruña.
PROGRAMA DA XVI FEIRA RURAL DE SAN SADURNIÑO
30 de agosto de 2025, Leira da Cortiña (Google Maps)
10:00 Apertura da feira e exposicións: agroalimentación, artesanía, viveiros, maquinaria e segunda man. As solicitudes deberán presentarse no Concello ou na Sede Electrónica municipal antes das 14:00h do 25 de agosto. Descarga da folla de solicitude, as normas de participación e a folla da autoliquidación da taxa.
10:30 a 13:30 Concurso da Froita Autóctona:
– Inscricións de lotes de froita para concurso de 10:30 a 11:30h na carpa principal. Agasallo dunha froiteira do país só por participar. Descarga das bases do concurso.
– Premios: tres vales de 100€ canxeables en establecementos locais.
11:30 Visita guiada á horta de froiteiras con obradoiro de enxertado
11:30 Descensos en kaiak polo río Xubia (inscrición no posto do Concello)
12:00 Pasarrúas polos sendeiros co grupo de música tradicional Faíscas da Pontraga
12:00 a 14:00 Degustación de froita do país e produtos da Fusquenlla
12:30 Visita guiada ao colmear didáctico (inscrición no posto do Concello)
12:45 Obradoiro de cociña para a rapazada co chef Xosé Troncoso
14:00 Entrega de premios do concurso da froita autóctona
14:15 Sorteo de lotes de produto de proximidade e de láminas pintadas ao vivo durante a feira por Blanca Escrigas e Ana Moreiras, ademais dun deseño do artista gráfico Juanlu Nacha
TARDE
16:30 XXXIII Concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro (máis información en www.clubcandepalleiro.com)
16:30 Baixadas en kaiak polo Xubia
17:00 a 19:00 Degustación de froita autóctona e de produtos da Fusquenlla
17:00 a 20:00 Petiscos da campaña Galicia sabe Amar
17:30 Obradoiro infantil de cociña co cociñeiro Xosé Troncoso
17:30 Visita guiada á horta de froiteiras con obradoiro de poda de verán
18:30 Visita guiada ao colmear didáctico
19:45 Sorteo de lotes de froita e de obras pintadas durante a xornada por Manolo Carballeira, Leandro Lamas e Xaquín Marín. Os boletos entregaranse con cada compra e haberá que depositalos na urna que estará situada no expositor do Concello.
20:00 Clausura da XVI Feira Rural