A Agrupación Instrutiva de Caamouco AIC e a Asociación de Veciños de Limodre volven ir da man na celebración das Letras Galegas. As dúas entidades organizan de forma conxunta a cuarta edición de ‘Camiño das Letras’. Trátase dunha ruta de sendeirismo teatralizada, con diferentes representacións, lecturas e actuacións musicais ao longo do percorrido.

Nesta cuarta edición, o percorrido é de 7,5 km, cunha dificultade media-baixa e unha duración de tres horas. Deste xeito, ábrese a participación a todo tipo de público, tamén rapazada. O prazo de inscrición xa está aberto, a través do 616 74 02 05. Ten un prezo de 3 euros para os socios das dúas entidades e de 6 euros para o público xeral. Inclúe merenda nun punto de avituallamento a metade do camiño e petisco ao final da ruta.
Esta actividade caracterízase por ofrecer todos os anos un traxecto diferente, sempre xogando coa contorna natural e o patrimonio da zona. Neste 2025 deseñouse un novo trazado, con punto de inicio e final na sede da Agrupación Instrutiva de Caamouco. O camiño levaranos por lugares naturais de gran beleza. Como puntos destacados desta edición, salienta a Torre das
Minermas, un vistoso edificio de estilo indiano cunhas privilexiadas vistas á ría de Ares. Os seus propietarios colaboran coa organización, permitindo usar o espazo para unha das representacións. Outro dos puntos a destacar é a capela do Lodairo, onde terá lugar outra das principais actuacións musicais da xornada.
A posta en escena volve estar baixo a dirección de Eugenia Sanmartín, directora da Tenencia Teatro. Os actores deste grupo volven estar implicados nesta iniciativa. Tamén o alumnado do curso de pandeireta e canto da Agrupación que dirixe Icía Sanmartín. A súa parte terá este ano un protagonismo especial, ao dedicarse as Letras Galegas ás cantareiras e á poesía popular oral.

Ao mesmo tempo, participan na ruta as alumnas do obradoiro de gaita da Agrupación co seu mestre, Miguel Carballeira. Tamén haberá actuacións musicais de Amparo Arias, Manolo do Val ou de Juan Luis Vázquez Cacabelos, así como unha intervención de Roger de Flor.
Do mesmo xeito que na edición do ano pasado, desta volta as representacións tamén se abriron para o público, con varias intervencións. Salienta a implicación de catro nenas e un neno, que tamén se van atrever a ler textos e cantar. A actividade conta coa colaboración dos Concellos de Ares e Fene.