Máis de 800 deportistas participan en Narón no Mundial de hip hop coreográfico WDSF

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, presentou este martes 6 no Pazo da Cultura o primeiro mundial de Hip Hop coreográfico WDSF que se desenvolverá esta fin de semana, o sábado e o domingo, nas citadas instalacións municipais.

A rexedora local estivo acompañada na presentación por Ibán Santalla, concelleiro de Deportes; Luis Vañó, presidente da Federación Española de Baile Deportivo; Graciela Toba, presidenta da Federación Galega de Baile Deportivo; Jesús Marcos, presidente do Club Baile Deportivo Narón, e Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol.

Agradeceu a rexedora local a implicación, para levar a cabo o evento, das agrupacións Fussion, All Dance e Paso a paso.

No campionato participarán 804 deportistas procedentes de máis de medio cento de clubs españois e tamén de países como Bélxica, Bulgaria, Chipre, Francia, Polonia, Suecia, Italia e algúns de Sudáfrica.

Na xornada do sábado a competición dará comezo ás 11:00 horas, momento no que se disputará a Liga Xunta de Galicia de hip hop, nas diferentes categorías (baby, infantil e premium) e que continuará ata media tarde. Ás 18:00 horas do sábado dará comezo o campionato mundial de hip hop (con categorías junior, youth, absoluta e megacrew) e con entrega de premios ás 20:50 horas. A competición do mundial continuará na xornada do domingo, entre as 16:00 e as 19:50 horas, cunha nova entrega de premios.

A alcaldesa recoñeu o esforzo de todas as persoas implicadas na organización deste evento “de primeiro nivel” e tamén a aposta das federacións mundial, estatal e autonómica por levalo a cabo en Narón e tamén o respaldo da Xunta de Galicia. Entre todas e todos “poñerase de novo a Narón no mapa, neste caso a través do hip hop, tanto o día 10 como o 11, grazas ao esforzo realizado durante moitos meses e que se verá representado esta fin de semana no Pazo”.

Pola súa banda, Luis Vañó asegurou que “en Narón levamos a cabo diferentes iniciativas e tratádesnos sempre coma na casa, polo que axudar a que nesta cidade se leven a cabo grandes probas é case unha obriga persoal”. O presidente da FEBD incidiu en que “atrevémonos con todo” e explicou que “a WDSF confía en nós porque nos rodeamos de boa xente e por iso nos axudan a levar a cabo esta competición, que tiñamos que incorporar dentro da federación”. Virán a participar “deportistas cunha enerxía diferente á que estamos acostumados a ver e estou seguro de que imos desfrutar moito”.

Na súa intervención, a presidenta da FGBD asegurou que era “un honor participar nesta presentación dun evento que vai quedar para a historia, o primeiro campionato do mundo de hip hop” e recalcou que “o feito de que se organice en Galicia non é casual senón o resultado dunha traxectoria firme e do compromiso de organizadores, clubs, adestradores, deportistas e familias que creron no hip hop desde o principio”. É Galicia, segundo indicou, a comunidade con máis licencias de hip hop na FEBD, apuntou, recalcando que a organización da Liga Xunta de Galicia de hip hop –cunha fase este sábado- contribuíu tamén a dar visibilidade a esta especialidade deportiva. Graciela Toba agradeceu a “incrible” visibilidade que se dá no Concello ao mundo do deporte.

A continuación interveu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, que destacou a importancia deste campionato mundial e a “paixón” do municipio polo baile deportivo, así como o traballo que neste ámbito desenvolven os clubs locais. A delegada resaltou o crecemento do hip hop entre os mozos e o apoio da Xunta a un deporte que transmite valores de “esforzo, creatividade, disciplina e traballo en equipo”, agradecendo finalmente a implicación do Concello, as federacións e o club Baile Deportivo Narón.

O presidente desta última entidade, Jesús Marcos, agradeceu a participación de todas e todos os bailaríns inscritos e do Concello, as tres federacións implicadas e a Xunta de Galicia.

Lea también

AD Judo Ferrolterra consigue nueve medallas en el II Trofeo Internacional de Santa Tegra

Las categorías base de la AD Judo Ferrolterra consiguieron 9 medallas, de un total de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *