Ares consegue 180.000€ para a rexeneración do humidal da Xunqueira e a súa contorna

Forte impulso económico a unha das zonas naturais con maior valor en toda a localidade de Ares: o humidal da Xunqueira potenciarase grazas aos 180.000 euros que conseguiu o Concello a través de tres liñas de subvención da Consellería de Medioambiente e Cambio Climático, aos que se sumarán 45.000 euros das arcas municipais.

A propia conselleira da área, Ángeles Vázquez Mejuto, visitou o municipio, recepcionada pola tenente de alcalde, Alma Barrón, a concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, e a edila de Urbanismo, Olimpia Marcos –involucradas na materialización dos proxectos e a obtención dos fondos públicos– para debullar máis detalles desta boa nova para Ares.

As autoridades formalizaron un acto informativo na entrada da casa consistorial ao que tamén asistiron a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e membros de todas as forzas políticas representadas na corporación municipal –nomeadamente, PPdeG, NAL e BNG.

Na súa alocución, Vázquez Mejuto salientou a necesidade de “poñer en valor o traballo dos concellos, tendo en conta que son administracións en contacto directo coa natureza, unha das xoias de Galicia. E Ares é, xunto co municipio de Vilariño de Conxo, o único concello en acadar a máxima contía de 180.000 euros na liña de subención da Consellería”.

E pola banda de Ares, Alma Barrón contextualizou as accións do goberno local no humidal, “unha zona na que se traballou como obxectivo prioritario dende a primeira lexislatura ata o de agora para rexenerar e protexer”. “De feito, contabilizando este investimento máis recente, o importe destinado á recuperación da Xunqueira dende o 2008 supera xa os 700.000 euros”, concluíu Barrón.

Ao peche das súas declaracións, a conselleira de Medioambiente e Cambio Climático achegouse até o salón de plenos do consistorio para estampar a súa sinatura no Libro de Ouro do Concello.

A Xunqueira, un espazo recuperado para a cidadanía ao longo dos anos. A relación da vila co actual espazo da Xunqueira, rexenerado en termos de natureza e avifauna e cunha ampla pasarela de madeira que permite o desfrute e lecer da veciñanza, principia no 2009. É nese momento cando o alcalde da localidade, Julio Ignacio Iglesias, asina o primeiro convenio para a recuperación integral do humidal co socialista Pachi Vázquez, conselleiro de Medioambiente.

A sinatura do convenio tradúxose na chegada de 376.000 euros centrados na recuperación dun espazo por entón moi degradado, co obxectivo de depurar o río que o atravesaba e conservar a riqueza paisaxística e animal, en perigo pola situación medioambiental da Xunqueira, que xa estaba inscrita daquela no Inventario de Humidais de Galicia.

A través deste primeiro paso, a zona natural recuperouse deixando atrás o deterioro ambiental que sufría e transformouse, paulatinamente, nun lugar idóneo para acoller a diversidade de fauna e flora locais. Durante as seguintes lexislaturas, o equipo de goberno dirixido por Julio Ignacio Iglesias ampliou progresivamente os tramos da pasarela de madeira, incorporou máis puntos de observación de aves e continuou, en esencia, cunha liña de traballo por tramos centrada na rexeneración e potenciación do humidal da Xunqueira.

No 2011 inaugurábase un percorrido de 75 metros, cun investimento de 50.000 euros; en 2013 prolongouse o paseo fluvial con outros 95 metros, uns traballos que rondaron os 40.000 euros e, toda vez que se materializou unha senda de madeira estable, a planificación municipal centrouse na obtención de recursos para a súa posta en valor, reposición e mantemento, con preto de 50.000 euro sinvestidos a tal efecto.

É así como se chega ata a actualidade, cun humidal que continúa a gozar dunha valiosa avifauna e xa consolidado como un espazo ecolóxico de referencia para a veciñanza, visitantes e amantes da natureza; un refuxio verde no corazón de Ares despois do fondo traballo de carácter medioambiental desenvolto polo Concello.

Reposición do paseo fluvial ao completo

Os 225.000 euros que se invertirán na Xunqueira e a súa contorna entre a Xunta de Galicia e o Concello serán fundamentais para repoñer, con materiais novos, todos os elementos e o sistema do paseo fluvial: vigas, correas, tarima e varandas… amais de desbrozar as marxes, executar a limpeza dos refugallos que se atopen sobre o paseo elevado e realizar talas selectivas de ramas en perigo de caída.

As actuacións encamíñanse polo tanto á mellora da conectividade entre o medio rural e o perirubano, e tamén á restauración en si do humidal como forma de prevención dos riscos asociado ao cambio climático.

Lea también

La Oficina de Turismo de Valdoviño reabre sus puertas

Situada en la Puerta del Sol, unha informadora atenderá al público de martes a domingo …