A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada por altos cargos do seu departamento, presidiu ao mediodía deste mércores, 30 de abril, a reunión do Consello Forestal de Galicia. Este encontro serviu para presentar a actualización do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais da Xunta, Pladiga 2025, entre outros asuntos tratados.
De acordo coa normativa vixente, o Pladiga apróbase polo Consello do Goberno galego unha vez oído o Consello Forestal, estando previsto que o Executivo autonómico dea o seu visto e prace a este documento estratéxico na súa
xuntanza do vindeiro luns, día 5 de maio.
Neste contexto, cómpre salientar tamén a mellora das infraestruturas da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, cun investimento previsto de 13,7 millóns de euros no período 2025-2026 para a construción e reforma de ata sete diferentes instalacións repartidas por toda Galicia. Así, as actuacións centraranse en Lalín, Valga (con dúas intervencións), Portas e Tui, na provincia de Pontevedra, e nos concellos ourensáns de Sandiás e Bande.
Bases aéreas e de unidades operativas
En concreto, planifícase a construción dunha nova base de medios aéreos en Lalín, así como a adecuación das instalacións da base aérea de Antela, no concello ourensán de Sandiás, e a construción doutra no municipio pontevedrés de Valga. Neste mesmo termo municipal de Valga está contemplada tamén unha nova base de unidades operativas (BUO), que será idéntica á do veciño concello de Portas. Así, ambas estarán conformadas
por edificacións de dous andares e unha superficie total de algo máis de 414 m². No que atinxe á BUO de Bande, esta infraestrutura acollerá tamén a sede do distrito forestal XV-A Limia. Cómpre mencionar ademais a BUO de Tui, que se levará a cabo mediante a recuperación e posta en valor do Viveiro de Areas.
Estas actuacións dan continuidade ás realizadas no 2024, entre as que destacan a execución das BUO de Muíños, Rianxo e Mondoñedo e a construción da base de medios aéreos transfronteiriza de Támega, nos concellos ourensáns de Verín e Oímbra. Hai que citar, asemade, a construción e adecuación das instalacións da base de medios aéreos de San Xoán de Río, en Ourense.
Actualización do Pladiga
Tal e como se trasladou este mércores no Consello Forestal, o principal obxectivo do Pladiga é o de reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.
Estrutúrase en catro plans diferentes, de prevención; de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; de extinción e de formación. No que atinxe aos obxectivos de control, mantense a liña de campañas anteriores, e así establécense, entre outros, os de que a superficie queimada total, a arborada queimada, a total por lume e a queimada por lume se manteñan por baixo da media da última década.
O operativo de loita contra incendios forestais en Galicia na tempada de alto risco, que coincide co verán, estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Esta cifra é tamén semellante á das últimas campañas. En medios materiais, Galicia contará de novo cunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta e os que aporta o
Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Administración autonómica como as municipais.
Hai que salientar, no apartado de persoal, que continúa o proceso de estabilización dos profesionais fixos-descontinuos, de forma que este ano traballarán xa ao longo de oito meses e no vindeiro 2026 acadarán os nove meses de actividade, completándose así esta medida que consolida un operativo público, estable e versátil.
No eido da prevención, reforzaranse os traballos de creación de áreas cortalumes e faixas auxiliares de pista, así como de mellora de pistas forestais, tratamentos silvícolas preventivos e queimas prescritas. Ademais, levarase a cabo a revisión e mantemento dos máis de 5.000 puntos de auga repartidos polo territorio galego. Con respecto ás parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), o número total neste 2025 é de 26, e 24 delas repiten respecto ao listado do ano pasado. A cifra de PAAI redúcese sensiblemente en relación co 2024, xa que o ano pasado contabilizábanse ata 40 destas parroquias.