As Pontes acolle esta fin de semana o III XCO Vila de As Pontes evento da Copa de Galicia de Cross Country Olímpico, unha modalidade de bicicleta de montaña que se desenvolve nun circuíto pechado de 3,4 quilómetros, ao longo do que se dispoñen diversos obstáculos, e ao que os deportistas participantes deberán dar varias voltas.

A proba, organizada polo club ciclista local Terras do Eume, coa colaboración do Concello das Pontes e a Federación Galega de Ciclismo, disputarase o día 3 de maio, a partir das 15:00 horas e nela daranse cita máis dun centenar de ciclistas, das categorías cadete, xuvenil, master 30,master 40, master 50, master 60 e elite, da modalidades masculina e feminina.
Elena López, concelleira delegada de turismo do Concello das Pontes quixo agradecer o esforzo do Clube Ciclista Terras do Eume porque “sempre supón un traballo extra organizar unha proba deportiva destas características, con toda a loxística que implica o deseño e a montaxe do circuíto na contorna do lago”.
Ademáis tamén destacou a concelleira a importancia do retorno que supón para a economía da vila un evento como esta proba ciclista porque “van pasar por As Pontes máis de cincocentas persoas durante a fin de semana, entre ciclistas, técnicos e afeccionados”.
Aproveitaba a ocasión Elena López para agradecer tamén o traballo do persoal do departamento de obras pola súa implicación na organización desta proba deportiva, e convidaba á veciñanza a gozar esta fin de semana da espectacularidade do ciclismo nun entorno natural privilexiado como é o lago das Pontes.
Pola súa banda, José Antonio Otero, do Club Ciclista Terras do Eume, agarda que a participación se manteña e mesmo medre con respecto a edicións anteriores, e para iso estiveron traballando na preparación do circuíto. “Contamos xa con preto de cen inscritos, case todos de categorías inferiores, pero gardamos chegar e mesmo superar os douscentos participantes”.