A UDC e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol traballan mellorando a formación da cativada en materia de primeiros auxilios

Esta formación presencial e gratuíta está dirixida ao profesorado das escolas da Comarca de Ferrolterra e aos pais, nais ou titores e titoras, a través das Escolas de Familia.

Imaxe dunha das sesións de formación para unha cidadanía responsable e resiliente promovida pola Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias

A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Campus Industrial de Ferrol, puxo en marcha a “Formación para unha cidadanía responsable e resiliente” co obxectivo de elaborar, en colaboración co profesorado dos centros de educación infantil e de primaria da Comarca de Ferrolterra material pedagóxico sobre auto-protección e de poñelo en práctica nas aulas baixo o paraugas da Universidade da Coruña (UDC) e máis da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

Entre os obxectivos desta formación presencial e gratuíta que xa está a recibir tanto o profesorado dos centros de ensino infantil e de primaria de Ferrolterra como os pais e nais, a través das Escolas de Familia, figura a necesidade de integrar contidos de auto-protección e comportamentos seguros nas escolas; de dotar ao profesorado dos coñecementos necesarios para impartir este tipo de contidos; de mellorar a formación do alumnado en cuestións de primeiros auxilios, prevención de incendios ou mobilidade segura, así como o feito de lograr adaptacións dos principios xerais de actuación de emerxencias para o estudantado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) presente nas aulas, entre outros.

O Centro de Formación e Recursos de Ferrol (CFR de Ferrol) e o Centro Rural Agrupado de Narón (CRA de Narón) acolleron, no mes de marzo, a “Formación para unha cidadanía responsable e resiliente” impartida polo coordinador da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, Daniel Lorenzo, polo coordinador de Seguridade do Concello de Ferrol, Santiago Troitiño, e máis polo xefe dos Bombeiros de Ferrol, Enríquez Suárez, así como por outras persoas voluntarias. Entre o público asistente, profesorado e integrantes dos equipos de dirección de diversos centros de ensino de infantil e de primaria da Comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Do mesmo xeito, no marco das reunións das Escolas de Familia, tamén se impartiu, o pasado 23 de abril, na Escola do Val de Narón, esta formación impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) e máis pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, a través da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias. Este luns, 28 de abril, será a quenda dos pais, nais ou titores e titoras da Escola de Domirón, tamén no concello de Narón.

Todos aqueles centros de ensino infantil ou primario da Comarca de Ferrolterra interesados en optar a esta formación poden solicitado enviando un correo electrónico coordinador@catedraemerxencias.org ou ben chamando ao 630 624 999. As solicitudes xestionaranse por rigorosa orde de inscrición. Esta formación, de carácter presencial e gratuíto, seguirá vixente durante todo o curso académico 2025/26.

Adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol

A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e máis pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, naceu en novembro de 2019 co obxecto de unificar coñecementos e criterios para dispoñer de documentación científica sobre emerxencias e protección á hora de elaborar, por exemplo, ordenanzas municipais ou protocolos de actuación ante determinadas situacións.

A Cátedra, dirixida polo profesor Moisés Alberto García e coordinada por Daniel Lorenzo, está adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol.

 

Lea también

Jornada sobre la Ingeniería Naval Forense, el día 26 en Exponav

La Fundación Exponav de Ferrol será el 26 de noviembre el escenario de una jornada …