Os edís de Deportes de Narón, Ibán Santalla, e Festas, Mar Gómez, presentaron a segunda edición da Andaina pola beira do río Xuvia ata a capela da “O”, en Pedroso, que se celebrará o vindeiro 11 de maio.
Os concelleiros estiveron acompañados por Francisco Bouza, Paula Padín e Bruno Mera, integrantes da comisión de festas de Pedroso, e que presentaron tamén un xantar popular que organizan o mesmo día na parroquia.
Coincidindo coa celebración da tradicional das festas da “O”, o 10 e 11 de maio, organizouse esta saída para a que se haberá que inscribir previamente, do 5 ao 7 de maio, pagando cinco euros por persoa, nas oficinas do Padroado de Deportes, no pavillón polideportivo da Gándara.
Os camiñantes sairán en autobús ás 9:30 horas dende o local social da Pombiña ata o mosteiro do Couto, onde se iniciará a camiñata sobre as 10:00 horas, polas inmediacións do río Xuvia ata chegar á capela da “O”, tal e como explicaron dende o Concello.
Así mesmo, dende a comisión de festas organizaron un xantar popular a base de empanada, callos, churrasco, bebida, café e sobremesa, coa actuación da orquestra Pontevedra.
O prezo da comida é de 30 euros para adultos; de 15 euros para menores de 7 a 12 anos e de balde para os menores de 7 anos (ata o 7 de maio, data a partir da que se incrementarán os prezos en 5 euros, segundo apuntaron dende a comisión).
As persoas interesadas en asistir poden adquirir os tickets no local social da Pombiña ata o 7 de maio, ou contactar cos teléfonos 660 491 921 ou 609 061 614. No caso de que non se vendan todos os tickets antes do 11 de maio tamén se poderán adquirir ese mesmo día na zona do xantar, en Pedroso.
Dende a organización animan á cidadanía a participar na andaina e desfrutar tamén da festividade da “O” na parroquia de Pedroso durante esa xornada. Así mesmo, dende o Concello valoraron o feito de que a comisión de festas manteña un ano máis esta celebración, moi coñecida no termo municipal e tamén na comarca.