A residencia disporá de 59 prazas distribuidas en catro unidades de convivencia e servirá como centro piloto para desenvolver un modelo pioneiro de atención ás persoas maiores en Galicia.
A Deputación da Coruña vén de dar un paso decisivo na implantación do seu novo modelo de residencias públicas coa adxudicación do contrato para o deseño do modelo operativo da residencia de persoas maiores do concello das Pontes, que será o centro piloto dun sistema innovador e transformador de atención residencial que a institución provincial pretende desenvolver cunha visión centrada autonomía e na calidade de vida das persoas maiores, inspirado nas experiencias de coidados de quinta xeración que se están a desenvolver nalgúns dos países europeos máis avanzados neste eido, como Dinamarca ou Suecia.
Así o explicou esta mañá o presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, tras a reunión celebrada no municipio na que participaron a deputada de Política Social, Mar García Vidal, a concelleira de Política Social, Tania Pardo Cabarcos e técnicos dos departamentos de Servizos Sociais, Arquitectura e Asistencia a Concellos da institución provincial e da empresa adxudicataria que se encargará da redacción deste proxecto social, no que se definirán con detalle cuestións como o número de prazas e unidades de convivencia coas que contará o centro, a plantilla de persoal necesaria, os concertos con outras administracións ou as taxas que deberán aboar os residentes.
Acompañado dos técnicos, Formoso visitou tamén a parcela da rúa Pardo Bazán 120, onde se construirá a residencia pontesa, e apuntou que o contrato inclúe a elaboración do proxecto social do centro, un plan de viabilidade económica e financeira e os estudos previos do deseño arquitectónico, que sairá a concurso este mesmo ano.
“A empresa ten agora un prazo de tres meses para deseñar o proxecto social e económico do centro, que nos vai a permitir solicitar a autorización á Xunta e iniciar os trámites para o concurso da redacción do proxecto arquitectónico do edificio”, afirmou Valentín González Formoso, que explicou que o Concello das Pontes asumirá a demolición do edificio actual, a antiga escola Pardo Bazán, mentres que a Deputación financiará a construción da nova residencia, cuxas obras se inciarán en 2026.
A proposta incluirá tamén un estudo detallado de viabilidade económica e financeira, cunha proxección a dez anos que contempla os custos operativos, os ingresos estimados segundo as tarifas adaptadas á situación económica das persoas usuarias, co fin de garantir a sustentabilidade do centro sen comprometer a calidade dos coidados nin o acceso universal ao servizo.
A residencia das Pontes será a primeira dun total de tres centros comarcais que a Deputación prevé construír, sendo os seguintes os de Ordes e Rianxo, nunha clara aposta pola atención de proximidade e a creación dunha rede provincial pública que ofreza alternativas ás actuais opcións asistenciais, moitas veces marcadas pola masificación, a despersonalización ou uns custos inasumibles para boa parte das familias.
Un novo modelo de residencias
“O novo modelo da Deputación da Coruña parte dunha filosofía radicalmente distinta á dos macrocomplexos institucionais. Fronte a eles, propoñemos un modelo con centros máis pequenos, máis humanos, integrados na contorna e deseñados como espazos habitables e acolledores nos que as persoas maiores se sintan seguras, respectadas e, sobre todo, na casa”, afirmou Formoso, que lembrou que o pasado marzo presentou o proxecto á conselleira de Política Social, Fabiola García, que se comprometeu a facilitar a tramitación administrativa e incluso ao mantemento do mesmos, xa que a Xunta de Galicia está disposta a contar con prazas concertadas nas residencias que impulse a Deputación da Coruña.
A residencia das Pontes contará cun total de 59 prazas organizadas en catro unidades de convivencia, configuradas como pequenos fogares nos que os as persoas residentes disporán de habitacións amplas con espazos abertos, zona de cociña, salón, baño propio, acceso a zonas exteriores e a posibilidade de personalizar a decoración, para favorecer a identidade e a intimidade de cada persoa usuaria.
No centro combinaranse espazos privados, zonas compartidas e áreas comúns abertas á comunidade local, co obxectivo de fuxir do illamento social e favorecer unha verdadeira convivencia interxeracional, con actividades compartidas, presenza de horta e animais nos centros onde sexa posible, relación fluída co tecido asociativo e educativo do municipio, e un funcionamento pensado para que familiares e amizades poidan participar con normalidade no día a día das persoas residentes, eliminando barreiras e reforzando os vínculos emocionais que son clave para un envellecemento saudable.
A atención sociosanitaria será integral e adaptada ás necesidades de cada persoa, grazas a un equipo estable e especializado de profesionais que traballará directamente con cada unidade de convivencia, nunha proporción que permitirá coñecer ben ás persoas atendidas e prestarlles unha atención próxima e de calidade, minimizando a rotación de persoal e garantindo a continuidade do coidado. A organización do centro evitará a segregación das persoas por grao de dependencia, xénero ou deterioro cognitivo, apostando por un modelo inclusivo, baseado na afinidade e na convivencia natural, e fuxindo da idea institucional de módulos diferenciados e xerarquizados.
Segundo explicaron os técnicos, as residencias deseñaranse tamén tendo en conta os principios xerais de accesibilidade universal, eficiencia enerxética e sustentabilidade ambiental, con percorridos integrados co entorno, xardíns terapéuticos, espazos de descanso ao aire libre, zonas cubertas con acceso ao sol e á sombra, e unha clara intención de crear espazos que sexan vividos e sentidos como parte da vida cotiá e non como entornos institucionais ou sanitarios.

Innovación
A Deputación da Coruña prevé tamén dotar ás residencias con tecnoloxía avanzada, incluíndo domótica, sistemas de telemedicina, dispositivos de seguridade intelixente, ferramentas de rehabilitación física e cognitiva de base tecnolóxica, e propostas de xestión e comunicación interna que facilitarán tanto a atención como a relación coas familias. Todos estes elementos integraranse pensando en mellorar a autonomía das persoas maiores, optimizar o traballo do persoal e aumentar a calidade global do servizo.
Coa adxudicación deste contrato, a Deputación da Coruña inicia de forma concreta e planificada a construción dunha rede de residencias públicas comarcais que aspiran a transformar a forma en que Galicia coida das súas persoas maiores, cun modelo centrado na persoa, aberto á comunidade, tecnolóxicamente avanzado e baseado nos principios de proximidade, dignidade e innovación.
“Queremos que as persoas maiores poidan vivir a última etapa das súas vidas rodeadas do que lles é familiar, acompañadas, ben coidadas e sentíndose na súa casa, sen ter que marchar a moitos quilómetros, sen renunciar aos seus afectos nin ao seu modo de vida”, sinalou Valentín González Formoso.