A concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida, recibiu no quilómetro 100 do Camiño Inglés, no paseo marítimo de Xuvia, a un grupo de persoas que participaron na acción Camiño do Mar “Concello a Concello”, que este ano alcanzou a súa cuarta edición.
A iniciativa, que ten entre os seus obxectivos promocionar e divulgar o Camiño do Mar, a antiga vía de peregrinación a Santiago de Compostela, que discurre pola Mariña Lucense, Ortegal e Ferrolterra, alcanzou a oitava etapa, pasando polo termo municipal naronés.
A ruta realízase durante 13 domingos e na etapa de Porto do Cabo-Narón-Neda, percorreron 20,3 quilómetros, que comezaron na ponte de Porto do Cabo, continuou polo concello de Valdoviño, onde selaron as credenciais e polo embalse das Forcadas, seguindo ata Narón e Neda, polo Camiño Inglés cara a Compostela.
Natalia Hermida selou tamén as credenciais dos camiñantes no paseo de Xuvia, conversando con eles sobre a súa experiencia e dándolles ánimos para completar o tramo pendiente ata Compostela. A edil naronesa valorou esta iniciativa impulsada pola Asociación Camino del Mar, que xa en anteriores edicións discurriu tamén polo termo municipal naronés “dando a coñecer esta cidade e a súa relevancia nas rutas de peregrinaxe, neste caso a Compostela, pero tamén a Santo André de Teixido”.