Obradoiros, xogos e un contacontos en Ares, na Festa da Horta da Agrupación Instrutiva de Caamouco

A Festa vaise celebrar o domingo 27 de abril, de balde e aberta a todo o mundo.

Foto- Agrupación Instrutiva de Caamouco

Pequenos e maiores teñen unha cita o domingo 27 de abril en Ares (A Coruña), dende as 11:00 horas na Horta de Quinín. A Agrupación Instrutiva de Caamouco organiza alí a terceira edición da Festa da Horta, un evento educativo e de lecer aberto a toda a rapazada. A actividade busca seguir dotando de contidos este espazo, ao tempo que se divulga entre os nenos e nenas valores relacionados coa natureza, o medio ambiente e o respecto á contorna. A Festa da Horta é de balde e aberta a todo o mundo, previa inscrición no 680 16 19 29.

O programa previsto contempla diversas actividades e xogos para toda a familia, para que os nenos e nenas interactúen coa contorna coa axuda dos seus pais ou nais. Así, este ano gana peso a xincana ‘O tesouro de Quinín’, na que a rapazada terá que superar unha serie de pistas e probas para completar a proba.

Nesta edición tamén se inclúen dous obradoiros relacionados coa tarefas propias dunha horta. Primeiro haberá unha plantación colectiva na terra de amorodos e tomates cherry. Logo, unha plantación individual en testos, para que os nenos e nenas poidan levar o seu traballo para casa e seguir coidándoo, conseguindo que se impliquen nesta tarefa durante semanas.

Pero a principal novidade deste ano é a incorporación do contacontos ‘Que contan as árbores?’ de Maquinarias Teatro. Helga Méndez encargarase de achegar ao público valores medioambientais, reflexionando sobre graves problemas que afectan ao planeta como a contaminación ou o cambio climático. ‘Un xeito de divertir á rapazada ao tempo que a convidamos a reflexionar sobre o mundo no que queren vivir’, explican dende a Agrupación. A Festa da Horta rematará cun tempo para o xogo libre da rapazada e petiscos para todas as persoas asistentes.

Foto- Agrupación Instrutiva de Caamouco

A Horta de Quinín
Logo das obras de rehabilitación da casoupa situada nesta parcela, rematadas no 2023, o grupo de voluntariado da Horta de Quinín traballa a pleno rendemento.

O equipo conta cunha decena de membros, encargados do mantemento da parcela e das plantacións. Trátase dun grupo autónomo que, co apoio da Directiva da Agrupación, organiza as distintas tarefas a realizar ao longo de todo o ano. Un grupo que, como non podía ser doutro xeito, tamén vai colaborar de forma moi activa na celebración da Festa da Horta.

Lea también

Celebrados en Ferrol dos importantes actos de la Cátedra Jorge Juan, conferencia y cambio de dirección

De más de interesantes se pueden calificar los dos actos, en uno,celebrados en la tarde …