A Mostra do Encaixe Deputación da Coruña de Camariñas convértese nun símbolo internacional da artesanía con alma

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacaron o papel central das palilleiras na preservación dunha arte “valorada en todo o mundo”.

Fuente Diputación de A Coruña

Camariñas acolleu esta semana a inauguración oficial da 34ª edición da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, unha cita consolidada como referente internacional da artesanía galega e un escaparate para a moda, a innovación e a tradición.

O acto estivo presidido polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, acompañados pola sudelegada do Goberno, María Rivas, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e numerosos representantes institucionais e alcaldes da comarca da Costa da Morte, así como por numerosos veciños e visitantes.

Fuente Diputación de A Coruña
Fuente Diputación de A Coruña

No seu discurso inaugural, Formoso destacou que a Mostra do Encaixe “é moito máis que un evento cultural, é un encontro interxeneracional que conecta o pasado e o futuro, a tradición e a vangarda”. O presidente provincial salientou que durante estes días “Camariñas convértese no epicentro mundial dunha arte que nos identifica e nos enorgullece: o encaixe de bolillos, transmitido de xeración en xeración, que hoxe é deseño, moda e arte”.

O evento naceu hai máis de tres décadas como unha pequena feira local, e foi evolucionando co paso dos anos ata converterse nun dos grandes acontecementos culturais e turísticos de Galicia cada Semana Santa. Un espazo que mantén vivas as súas raíces e, ao mesmo tempo, abre portas á creatividade das novas xeracións.

Tres décadas de apoio da Deputación

A Deputación da Coruña, que desde hai uns anos tamén dá nome á Mostra, leva máis de 30 anos apoiando este evento. “Sabemos o que significa para Camariñas, para a Costa da Morte e para Galicia enteira”, afirmou Formoso, quen engadiu que “o apoio á Mostra é apoio ao territorio, é apostar pola nosa identidade como pobo e por un modelo de desenvolvemento que combina tradición, cultura e economía local”.

O presidente agradeceu especialmente o traballo da alcaldesa, Sandra Insua, da concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, da directora do evento, Dolores Lema, e do equipo técnico e voluntariado “que poñen o corazón en cada detalle para que Camariñas brille con luz propia nestes días”.

As palilleiras, verdadeiras protagonistas da Mostra

Durante o seu discurso, Formoso puxo en valor “ás verdadeiras protagonistas” da Mostra: as palilleiras. “As mulleres que mantedes viva unha tradición de séculos coas vosas mans expertas, o voso saber e o voso tempo. Representades o mellor da nosa cultura: a dedicación, a paciencia, o mimo polos detalles máis pequenos”, afirmou. O seu traballo, sinalou, “é un patrimonio vivo que debemos preservar, recoñecer e proxectar cara ao futuro”.

A Mostra conta tamén cun concurso de novos talentos, unha das súas apostas máis recoñecidas, xa que ofrece unha excelente plataforma para que deseñadores e deseñadoras emerxentes dean os seus primeiros pasos no mundo da moda. “Hai futuro, hai creatividade e hai mozos que apostan por quedar, crear e construír dende aquí”, afirmou o presidente da Deputación.

Nesta edición, volveron desfilar pola pasarela da Mostra grandes nomes do deseño, así como estudantes e creadores emerxentes que integran o encaixe nas súas propostas de moda contemporánea, mostrando a súa versatilidade e capacidade de diálogo co presente.

Unha arte valorada en todo o mundo

Fuente Diputación de A Coruña
Fuente Diputación de A Coruña

A Mostra do Encaixe é tamén unha mostra do potencial do patrimonio cultural como motor económico. “O encaixe é arte, pero tamén é emprego, é economía local, é turismo sostible”, subliñou Formoso. Cada persoa que visita Camariñas nestes días “leva consigo unha parte da nosa historia e tamén unha visión do que Galicia pode ofrecer ao mundo: creatividade, autenticidade e beleza”.

O presidente da Deputación rematou a súa intervención cun convite aberto a toda a cidadanía a visitar a Mostra, a gozar da beleza das pezas artesás, dos desfiles, as actividades lúdicas e culturais e do ambiente único dunha vila que converteu o seu saber tradicional nun acontecemento colectivo. “Sigamos traballando xuntos para que o encaixe siga sendo unha arte viva, transmitida, valorada e admirada en todo o mundo”, concluíu.

Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, salientou que “esta Mostra, coma todas, é unha festa, si, pero tamén é unha homenaxe, un recoñecemento á nosa historia, á nosa tradición e, sobre todo, ás mulleres que fixeron posible que o encaixe de Camariñas chegase ata aquí”. “O que fan as nosas palilleiras é arte, é técnica, é herdanza e é futuro. Son mulleres valentes, sabias, decididas e libres, que souberon transformar algo doméstico nun elemento de vangarda, por iso dicimos que a Mostra é un acto de reivindicación feminista, porque aquí o protagonismo é das mulleres, das que estaban antes ca nós, e das que veñen detrás, aprendendo, orgullosas do que lles deixaron”, afirmou.

A rexedora tamén quixo facer un recoñecemento “a todas as persoas que traballan no noso mar. Esa xente que, en silencio, ergue Camariñas día tras día. Con esforzo, con humildade e cun orgullo que non se anuncia pero que se sente”.

Tamén agradeceu o “apoio constante da Deputación da Coruña que desde hai anos forma parte do nome oficial da Mostra. Grazas polo compromiso, pola aposta pola nosa cultura e pola confianza nun pobo pequeno, si, pero cunha alma inmensa tecida a palillos”.

Lea también

Ya se puede solicitar el voto por correo para las Generales del 29 de noviembre

Ya es posible solicitar el voto por correo para las Elecciones Generales que se celebrarán …