A alcaldesa de Narón visita Aspaneps nunha xornada de portas abertas da entidade

A Asociación de Pais de Nenos con problemas Psicosociais (Aspaneps), con sede social e un centro ocupacional no municipio de Fene, programou o mércores 16 unha xornada de portas abertas.

Á convocatoria acudiu a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, acompañada da edil de Benestar Social, María Lorenzo e do voceiro do grupo de goberno, Román Romero, que xunto a persoal da entidade coñeceron as instalacións e parte dos obradoiros que levan a cabo nas mesmas. Un obradoiro de serigrafía, un espazo de cociña, outro para reciclaxe de plásticos… forman parte das diferentes dependencias de Aspaneps que visitaron os representantes do goberno local e sobre cuxo funcionamento os informaron tanto o persoal como usuarias e usuarios do centro, dende onde se atenden necesidades específicas de persoas nos ámbitos pedagóxico, psicolóxico e social co fin de mellorar o benestar persoal e social do colectivo.

A alcaldesa, xunto cos dous edís naroneses, interesouse polo traballo que realizan nos obradoiros e mesmo elaborou unha sobremesa seguindo as indicacións dunha das usuarias do centro que acode regularmente ao obradoiro no que cociñan. Coñeceu tamén o labor de serigrafiado que realizan, e no que deseñan libretas en diferentes formatos e o que desenvolven no de reciclaxe de plásticos, facendo diferentes artículos, como medallas e mesmo pequenos raños para mariscadores, nos que se empregan como materia prima tapóns de plástico de diferentes cores.

Ferreiro recordou que o Concello de Narón mantén dende hai anos un convenio de colaboración con Aspaneps e destacou o importante labor que desenvolve a entidade nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal “traballando día a día con persoas con discapacidade intelectual co fin de que poidan mellorar a súa autonomía persoal e avanzar nesa tan necesaria inclusión plena na sociedade do colectivo, ao tempo que presta un servizo fundamental para as familias”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …