Narón organiza catro novas andainas a través do programa “Ponte en ruta con nós”

A alcaldesa de Narón Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentaron a oitava edición do programa municipal Ponte en ruta con nós, organizado polo Concello a través do Padroado de Deportes. Esta nova edición contempla un total de catro saídas dende o vindeiro 27 de abril ata o 15 de xuño, incluídos. “Trátase dunha iniciativa que ten moi boa acollida entre os veciños e a través da que tratamos de dar a coñecer o patrimonio natural e cultural da cidade e, por extensión, tamén da comarca”, asegurou Santalla.

A primeira das andainas, o 27 deste mes, será pola Pena Molexa e a senda Ártabra, abrindo o prazo de inscrición o vindeiro luns, día 21, ata o 23 de abril. Trátase neste caso dunha ruta circular con inicio e fin na Cooperativa do Val –con saída ás 9:30 horas- e que consta de algo máis de 13 quilómetros de percorrido, con dificultade media-alta e vistas á Pena Molexa, Pena Lopesa, o Campo do Avial, O Casal, Vilarquinte e o monte da Lagoa.

O día 11 de maio programouse unha andaina con motivo da romaría da Virxe da “O”, neste caso con saída en bus -9:30 horas- do local social da Pombiña, en Pedroso, cara ao mosteiro do Couto, dende onde se iniciará o percorrido. A ruta discurrirá polas inmediacións do río Xuvia ata Pedroso, onde se celebra nesa xornada a tradicional romaría. O prazo de inscrición será do 5 ao 7 de maio, incluídos.

As dúas últimas andainas deste programa son para realizar o camiño a Santo André de Teixido. Os días 8 e 15 de xuño as persoas que queiran realizala poderán facelo en dúas etapas, unha con saída do mosteiro do Couto ata Porto do Cabo, xa no concello de Valdoviño e con regreso en bus, o primeiro día, e outra o 15 con saída en bus dende A Gándara cara a Porto do Cabo para iniciar a segunda etapa, ata chegar ao santuario cedeirés, para regresar en bus ao pavillón da Gándara. En ambos casos deberán anotarse entre os días 2 e 4 de xuño.

As persoas que participen deberán estar no punto de saída 20 minutos antes, por cuestións de organización. As inscricións, cun custe de 5 euros por persoa, tramítanse nas oficinas do Padroado de Deportes de Narón, no número 148 da estrada da Gándara, en horario de 8:30 a 13:00 horas no prazo establecido para cada unha das saídas. Así mesmo, dende o Concello informouse que o número de prazas está limitado a 150 e que os menores de 18 anos deben ir acompañados de pai, nai ou titor. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 387 522.

“Queremos fomentar tamén o deporte ao aire libre, con rutas deseñadas con diferentes graos de dificultade e pensadas para promover estilos de vida saudables e evitar o sedentarismo”, apuntou Ferreiro. A alcaldesa animou «ós veciños a apuntarse nestas andainas, que son xa todo un clásico na programación da área de deportes da cidade”.

Lea también

Las regatas de traineras fueron las protagonistas este sábado en el Puerto de Ferrol

La embarcación de A Cabana se hace con el triunfo en la Bandeira APFSC y …