Ultímanse os preparativos para vivilo 37º Rally Cidade de Narón

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, asistiron á presentación do cartaz do “37º Rally Cidade de Narón”, que tivo lugar no Centro Comercial Odeón.

Na convocatoria estiveron tamén presentes o presidente e o vicepresidente da Escudería Siroco Narón, Antonio Sueiras e Ramiro Fandiño, respectivamente; José Ramón Padín, Patricia Lagoa e Gonzalo Fernández, secretario, secretaria e vogal respectivamente da Escudería e outros representantes da mesma; Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol; Cristina Imaz, xerente de Odeón, e patrocinadores do evento, Alberto Barro, de Gonnaba Construcciones y Reformas, e David Grandal, de Pinturas Grandal.

O prazo de inscrición abre o luns 14, podendo obter toda a información ao respecto a través da Escudería Siroco Narón. A proba deportiva disputarase o día 24 de maio, se ben na xornada previa, o 23, haberá un shakedown polas inmediacións da parroquia de San Xiao, en Narón, nun tramo de 2,76 quilómetros nos que equipos e pilotos poderán axustar os seus vehículos, tal e como indicaron dende a organización.

O día 24 desenvolverase a competición, que tal e como destacou Ferreiro, é a terceira proba puntuable para o Campionato de España de Rallyes (CERA- Recalvi). Os participantes percorrerán algo máis de 418 quilómetros, dos que 119,78 serán cronometrados. Estes últimos están distribuídos en cinco tramos, a percorrer en horario de mañá e tarde e que discurrirán polos concellos de Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, As Somozas e, tamén este ano, Valdoviño.

“O Rally Cidade de Narón é un dos eventos máis importantes do calendario deportivo da cidade”, asegurou a alcaldesa, Marián Ferreiro, ao tempo que puxo en valor o traballo “que dende hai tantos anos leva facendo a Escudería Siroco Narón para que esta proba deportiva se manteña no tempo e mellore ano tras ano, tendo na actualidade un importante recoñecemento non só a nivel autonómico senón tamén estatal”.

A rexedora local quixo tamén agradecer o labor de todas as persoas dos diferentes equipos, persoal de seguridade e sanitario, voluntariado… que velarán para que a proba se desenvolva coas máximas garantías de seguridade tanto para os pilotos e copilotos como para os afeccionados que acudirán como público.

Martina Aneiros puxo en valor o traballo “constante e rigoroso” desenvolvido pola escudaría Siroco Narón, organizadora da competición o que permitiu consolidar esta cita no calendario deportivo de Ferrolterra.
Comprometeu ademais o apoio da Xunta ao evento, única proba galega puntuable para o Campionato de España de rallys de asfalto (CERA-RECALVI).

Lea también

Os cemiterios do Val e San Mateo e as inmediacións do Pazo acollen os actos do aniversario da II República

A Asociación Memoria Histórica Democrática organizou en Narón os actos do 94 aniversario da II …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *