O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana tres interesantes espectáculos. A música de Andrés Balado, cun tributo ao mítico Bruce Springsteen, “Back to glory days”, na súa xira de concertos deste 2025, centrará a programación deste venres 11, a partir das 21:00 horas.
Un proxecto que aposta por converterse no mellor tributo internacional ao boss á fronte do que está “o boss galego”, que traerá a Narón a esencia de Bruce. Estará acompañado por dez músicos de primeiro nivel, e xuntos repasarán os mellores temas da discografía do Boss durante un concerto dunhas dúas horas de duración.
O sábado 12 de abril, ás 20:00 horas, a compañía Secuencia 3 Artes y Comunicación traerá ao Pazo a peza de teatro clásico La Regenta. Ana Ruiz, Pepa Pedroche, Jacobo Dicenta e Alejandro Arestegui, entre outros, forman parte do elenco desta obra, que ao longo de case dúas horas contará unha historia sobre o enfrontamento entre a paixón desbordada dos desexos e do amor fronte ás cadeas da moral social provinciana e a traizón.
Ana Ozores e Víctor Quintanar son os protagonistas dun relato ambientado na cidade de Vetusta e baseado na novela La Regenta, publicada en 1884, unha das grandes novelas da literatura española do século XIX.
Finalmente, na xornada do domingo 13 representarase “Reconversión”, unha obra de teatro contemporáneo da compañía Ibuprofeno Teatro. Artur Abad, Cristina Collaz, César Goldi, Celia González e Fran Lareu forman parte do elenco da obra, un espectáculo de gran formato para público adulto con oito actores-músicos que forman unha charanga e interpretan a banda sonora en directo, unha viaxe dende a posguerra ata a década dos 80.
As entradas dispoñibles para estes tres espectáculos poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo e na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.