XXVIII Feira da Plantación, que terá lugar na Cortiña o domingo 27 de abril, virá cargada de planta ornamental para o xardín e pés para os morteiros, ademais de artesanía, produto de proximidade e moitas actividades paralelas.

A área de Desenvolvemento local do Concello de San Sadurniño xa ten listo o programa da XXVIII Feira da Plantación, que se celebra no arboreto da Cortiña -ao pé do paseo fluvial do Xubia- o domingo 27 de abril.
Será, un ano máis, unha xornada dedicada ao xardín e os cultivos na que poderemos atopar flor e planta ornamental, herbas aromáticas, árbores, sementes, planta para morteiros, etc., así como maquinaria, útiles e ferramentas que nos fagan máis doado o traballo de enredar na terra. Ademais, a feira volverá ofrecer produtos de temporada, artesanía e unha chea de actividades complementarias que converterán o noso concello en referente de todo o que ten que ver co verde e na escusa perfecta para pasar un domingo diferente.

A feira volverá comezar puntual, ás 10:00 horas, momento no que as persoas máis madrugadoras aproveitan para vir buscar e poder escoller a mellor planta para invernadoiros e morteiros ao aire libre, sobre todo tomateiras, pementeiras, cebolo ou amorodos . Diso haberá moito, igual que variedades de flor e planta ornamental ben vistosas coas que darlle cor a calquera xardín ou recuncho da casa.
E, ademais da planta, nos sendeiros da Cortiña tamén haberá moito produto alimentario de proximidade e moita artesanía -sempre relacionada co mundo vexetal- para comprar. Agárdase que este ano se supere a marca da pasada edición en canto a número de postos participantes, que teñen de prazo até o día 15 para solicitar espazo expositivo.

O Concello introduciu algunhas novidades no regulamento da feira, como a esixencia de que os produtos que se anuncien como ecolóxicos estean certificados polo CRAEGA ou que os postos de artesanía conten con inscrición no correspondente rexistro da Xunta de Galicia.
Como é habitual, a feira rodearase de múltiples actividades: dous obradoiros infantís de sementes e de tintes naturais, demostracións de arte floral -con sorteo dos ramos e centros elaborados ás 14:00 e 19:45 horas- e animación musical co grupo Vai Rañala Meu.
A maiores, na feira tamén poderemos descubrir co xeólogo Fran Canosa as rochas tan especiais do Xeoparque do Cabo Ortegal e probar algúns dos produtos da Fusquenlla, que contará con posto propio para dar a coñecer a súa actividade. A presenza da Fusquenlla na feira será dobre, xa que varias delicias saídas do centro de transformación agroalimentaria integraranse nos pratos de terra e mar que elaborará a cociñeira Naír González, do restaurante mugardés Muelle 43, encargada este ano de ofrecer dúas demostracións culinarias en directo, unha ás 12:30 e outra ás 18:00 horas.

A XXVIII Feira da Plantación está organizada polo Concello de San Sadurniño co apoio da Deputación da Coruña e da empresa planteles Vivergal, especializada na produción de plantóns ornamentais para viveiros profesionais. De feito, esta firma con base en Santa Mariña do Monte volverá doar os milleiros de plantas que recibirán como agasallo todas as persoas que pasen pola feira.
Folla de solicitude
Regulamento

PROGRAMA
10:00 horas. Apertura de postos – Con venda de planta e artesanía relacionada co mundo floral, produtos da terra, alimentación e maquinaria de xardín e horta.
11:00 a 19:30 horas. Obradoiros e demostracións
Obradoiro infantil de bombas de sementes “Nendo Dango”, ás 12:30 horas, dirixido a rapazada de 4 a 12 anos. 20 prazas dispoñibles. Inscricións no posto do Concello
Demostracións de Arte Floral, ás 11:00 e ás 16:30 horas. Sen inscrición.
Cociña en directo con degustación, con sesións ás 12:30 e ás 18:00 horas. Sen inscrición.
Obradoiro infantil de tintes naturais, ás 17:30 horas, para nenas e nenos de 4 a 12 anos. 20 prazas dispoñibles. Inscricións no posto do Concello.
Degustación de produtos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. Durante todo o día.
Xeoparque do Cabo Ortegal: “Unha ollada ás rochas que pisamos”. Charlas ofrecidas ao longo da xornada polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa. Sen inscrición.
14:00 e 19:45 horas Sorteo de ramos e centros florais da XXVII Feira da Plantación
As rifas entregaranse con cada compra. Haberá que depositalas na urna situada na carpa principal. Os sorteos serán presenciais ata que apareza a persoa premiada.
Actuación ao longo da xornada do grupo Vai Rañala Meu. Na feira tamén haberá un espazo para xantar a prezos populares. Outra opción é acudir a algún dos restaurantes do concello. Nese caso recoméndase reservar mesa, sobre todo nos dous que quedan máis preto do evento.
20:00 horas Clausura da XXVIII Feira da Plantación
Todas as persoas que acudan á feira poderán levar de agasallo unha bolsiña con plantas ornamentais, gracias á colaboración da empresa local Vivergal S.L.