A Casa da Mocidade de Narón acolle este mes de abril, coincidindo co período de vacacións escolares de Semana Santa, o proxecto “Xove Lab”, dirixido a mocidade da cidade de entre 12 e 16 anos. Así o anunciou o concelleiro de Mocidade, Ibán Santalla, que explicou que se trata dunha proposta de balde que se desenvolverá os días 14, 15, 16, 19 e 21 de abril en horario de tarde, de 17:30 a 20:30.
“Os rapaces interesados en participar nesta proposta poderán desfrutar eses días da zona de videoxogos e da de xogos cooperativos, como futbolín, tenis de mesa, dardos, xogos de mesa… que estarán operativos de xeito continuo pola tarde”, indicou. A maiores, explicou o edil, cada día desenvolverase un obradoiro diferente para o que si será preciso inscribirse previamente.
O día 14 haberá un obradoiro de bordado punch needle -18:00 a 20:00 horas-; o 15 un de cerámica creativa e outro de saúde mental e emocións -18:00 a 20:00 horas- o 16 un de lettering e rotulación e outro de baile moderno -18:00 a 20:00 horas, o 19 un de escape room -17:30 a 20:30 horas – e fin finalmente, o día 21, un de estampaxe personalizada -17:25 a 19:45 horas-.
Santalla informou que os mozos interesados en participar deben anotarse a través do formulario: https://tinyurl.com/mrmh7cdv. “Trátase dun recurso plantexado co fin de fomentar o tempo de lecer dun xeito saudable e educativo, de que os menores dispoñan dun espazo e unhas propostas a través das que poder socializar entre eles, tratando de atender as súas afeccións e ofrecéndolles recursos que poidan ser do seu interese”, apuntou Santalla. O concelleiro naronés animou ós rapaces de Narón a desprazarse á Casa da Mocidade para compartir tempo e actividades moi variadas.
As persoas interesadas en obter máis información poden chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108. 1109 e 1111) ou dirixirse ao correo electrónico: omix@naron.es.