A concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, informou sobre o cambio na data prevista inicialmente para dúas actividades, dos programas Apego e Guizo, de socialización de nenas e nenos en galego. O vindeiro 23 de abril estaba previsto levar a cabo o contacontos “Canto traballo, que divertido!”, do programa Apego, que pasará ao día 4 de xuño. A convocatoria, para a que aínda quedan vacantes, desenvolverase no centro cívico social de San Xiao ás 17:00 horas, e diríxese a menores de 3 a 6 anos e as súas familias.
No caso do programa Guizo, a proposta “Cianotipia” prevista para o 21 de xuño terá lugar o día 28 dese mesmo mes. Neste caso desenvolverase no centro cívico social do Couto ás 11:00 horas e diríxese a menores de 6 a 12 anos e as súas familias. As persoas participantes realizarán fotocomposicións empregando luz solar e auga. Tamén neste caso quedan algunhas vacantes.
Para poder asistir a calquera destas propostas é preciso inscribirse previamente enviando un correo electrónico á dirección: a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e idade do neno ou nena, o nome da nai, do pai ou da persoa que acompañará ao menor, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
A información ao completo destas e doutras actividades promovidas a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón pode consultarse a través da web: naronengalego.gal.