O rexedor local visitou a finca Panda da Dá acompañado por alumnado do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. Actuarase nas edificacións para potenciar o valor da finca como espazo de divulgación, formación e investigación do sector forestal.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado pola concelleira de Axenda Urbana e os concelleiros de Medio Ambiente e Medio Rural, visitaron esta semana a leira Panda da Dá, acompañados de Manuel Rodríguez, presidente da Fundación Ría; Carlos Iglesias, encargado de xestión forestal de FINSA, e unha representación do alumnado de arquitectura do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, unha das máis prestixiosas universidades dos Estados Unidos.

O motivo desta visita era coñecer de primeira man a leira de 410 hectáreas adquiridas por Finsa en 1989 e que desde entón, están sendo empregadas para a práctica e difusión dun modelo de xestión forestal pioneiro, que fomenta boas prácticas e garante a produción madeireira mediante certificacións de sustentabilidade recoñecidas.
Así, o rexedor local apuntaba que “o alumnado de arquitectura do MIT ven coñecer As Pontes, a súa realidade forestal e as posibilidades que teñen as instalacións, dunha das grandes propietarias forestais das Pontes, para a compatibilización de actividades económicas coa preservación do medio ambiente e das especies forestais autóctonas e tamén as industriais, e
en definitiva, todo o que ten que ver co ecosistema do monte galego”.
Una leira que Finsa, en colaboración coa Fundación Ría, busca situar como un espazo clave para promover a xestión territorial sostible, multifuncional, en relación cos diferentes axentes do territorio, a través dun concurso de arquitectura, que se atopa xa na súa segunda fase, que ten como obxectivo rehabilitar as edificacións da leira, potenciando o seu valor como espazo, a nivel mundial, de divulgación, formación e investigación, renovándoas para recibir visitas de profesionais e entidades dedicadas á xestión territorial e a cadea de valor da madeira, xerando así novas oportunidades de aprendizaxe e colaboración no sector forestal.

Manuel Rodríguez, director da Fundación Ría indicaba que esta fundación, sen ánimo de lucro, «leva anos colaborando con Finsa no desenvolvemento e deseño da ordenación desta leira para convertela nun centro de referencia da xestión forestal. Hoxe contamos coa visita do MIT que nos amosa no que se pode converter esta leira. Un lugar de encontro de familias, entidades, asociacións, centros de investigación e formación e de universidades».
Pola súa banda, Carlos Iglesias, encargado de xestión forestal de FINSA, detallaba máis polo miúdo as características da parcela, que consta de dous núcleos urbanizados, a Panda da Dá e As Pereiras, que son os que se van rehabilitar nesta primeira fase do proxecto. Ademais a finca, de 400 hectáreas, está dividida en dúas zonas: a parte dedicada a produción forestal, que está ocupada por piñeiros; e outra área dedicada á conservación de hábitats naturais, asociada ás zonas de ribeiras de ríos.
Esta segunda zona é de especial interese para FINSA xa que como indicaba Carlos Iglesias, “obtivemos agora recentemente a certificación en servizos ecosistémicos a biodiversidade desas áreas asociadas aos cursos fluviais, e ten a súa importancia porque ao mesmo tempo que tés unha xestión forestal dedicada á produción, tamén tés un espazo reservado para a conservación deses hábitats. Estamos nunha zona na que hai carballeiras e bosque atlántico, que merecen a pena conservar”.

CONCURSO DE ARQUITECTURA ABERTO PARA REHABILITAR A PANDA DA DÁ
No ano 2024, Finsa, coa colaboración de Fundación Ría, lanzou un concurso de arquitectura para continuar transformando a súa leira da Panda da Dá e consolidala como un espazo de oportunidades para a xestión sostible do territorio.
Esta convocatoria ten como obxectivo rehabilitar arquitectónica e paisaxisticamente a leira de 410 ha para dar cabida a novas actividades formativas e de investigación, así como servir de soporte a visitas de entidades relacionadas coa xestión do territorio e a cadea de valor da madeira.
Un xurado, formado por dous representantes de Finsa e tres profesionais da arquitectura cunha ampla traxectoria e recoñecemento: Aurora Armental Ruiz, cofundadora do estudo Estar; Graça Correia, cofundadora do estudo Correia Ragazzi; e Carme Pinós Desplat, fundadora do estudo Carme Pinós, entre as 54 propostas presentadas elixiron 5 equipos finalistas (Arrokabe Arquitectos; Atelier Ander Badox + Estudio Copla+ Bamba Studio + TO Arquitectura; Brandao Costa Arquitectos; CoLab + Assemble e Joao Mendes Ribeiro+ Luísa Bebiano, que agora desenvolverán as súas propostas e a finais de abril o xurado reunirase de novo para avaliar os anteproxectos e elixir ao equipo gañador.
A proposta gañadora recibirá un premio de 20.000 euros e a adxudicación do proxecto básico e de execución da rehabilitación, mentres que os outros catro finalistas recibirán un premio de 5.000 euros cada un, como compensación polo seu traballo.