As alcaldesas de Narón e Ciudad Heredia destacan o protocolo asinado para cooperar en educación viaria

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participou xunto cos integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello, Pedro Caneiro e Sonia López, nunha videoconferencia coa alcaldesa de Ciudad Heredia (Costa Rica), Ángela Aguilar, a promotora social da localidade, Michelle Rodríguez e a xornalista Marjorie Chacón para establecer unha primeira toma de contacto sobre o protocolo de irmanamento e cooperación entre ambos municipios.

Un acordo que, tal e como recordou Ferreiro, establece unha cooperación entre Narón e Ciudad Heredia para establecer programas de colaboración, intercambios en varias áreas relacionadas con programas de seguridade e educación viaria, infraestructura viaria, cultura, mobilidade segura, convivencia e seguridade cidadá… durante un período de catro anos.

A rexedora local de Narón destacou a importancia de que o traballo realizado dende a cidade poida axudar a outras como neste caso Ciudad Heredia, cunha poboación de máis de 550.000 habitantes. “Temos un equipo de Educación Viaria digno de merecer todo o noso recoñecemento polo seu traballo e é un pracer poder intercambiar experiencias e aprendizaxe cunha cidade como a vosa”, apuntou Ferreiro.

Pola súa banda, a alcaldesa de Ciudad Heredia asegurou que “dende o goberno local de Heredia é un honor poder asinar este irmanamento con Narón, unha cidade da que xa aprendemos moito e que nos permitiu implementar obradoiros, actividades, os corredores activos en colexios… facendo máis atractiva a educación viaria para nenos”.

Ángela Aguilar avanzou que “continuaremos levando a cabo máis iniciativas porque aquí a parte peonil está moi cuestionada, ao estar a xente sempre buscando a ampliación de estradas. Nós precisamos un cambio educacional e cultural nese senso, que nos permita tamén priorizar o transporte público sobre o privado e xerar, en definitiva, unha cultura de cambio”. A rexedora local de Ciudad Heredia pechou a súa intervención agradecendo ao Concello de Narón “o voso apoio neste tipo de iniciativas” e, a modo de exemplo, destacou que últimamente fortaleceron o proceso de igualdade e inclusión da cidade cun incremento dun 64% no orzamento para iniciativas de ámbito social.

Lea también

Intervención dos bombeiros de Narón por un vehículo ardendo

Os bombeiros de Narón realizaron na tarde de onte mércores unha intervención na rúa Somozas, …