O Concello de Valdoviño celebra este domingo 23 o acto central do Día da Muller coa entrega do galardón 8M a Mercedes Varela, activista incansable do movemento asociativo local, e coa proxección da webserie galega “Nómades”, rodada integramente en Ferrolterra, e coloquio posterior coas súas protagonistas, Noelia González e Sara Ferro. Con entrada libre ata completar aforo, a programación desenvolverase no auditorio da casa da cultura, a partir das 18:00 horas.
Mercedes Varela Díaz tomará o relevo de Mercedes González Vergara e Ana María Bouza García, galardoadas en 2024 e 2023 respectivamente. Natural do lugar de Freixeiro, en Vilarrube, adicou toda a súa vida laboral á educación, nos primeiros anos de nenas e nenos e, durante máis de 2 décadas e ata a súa xubilación, á formación de persoas adultas, especialmente daquelas en risco de exclusión social.
Firme defensora do movemento veciñal como dinamizador sociocultural, exerceu como presidenta da AVV de Vilarrube entre 2002 e 2011, favorecendo a posta en marcha de diversos proxectos e actividades na parroquia e contribuíndo a mellorar a calidade de vida dos seus residentes. Na actualidade, colabora como voluntaria no Centro de Recursos Solidarios de Narón.
NÓMADES
Trala entrega do galardón, o público poderá asistir á proxección de “Nómades”, unha serie web creada por Noelia González e Sara Ferro, e dirixida por Marta Ínsua, un grupo de mulleres novas e emprendedoras que tratan de facerse camiño no audiovisual galego e que decidiron contar unha historia na que poder verter as súas vivencias, medos e algunha que outra aprendizaxe. Producida por Mala Herba co apoio da AGADIC e da Deputación da Coruña, fala sobre ese momento vital no que se esgota o plan de estudos e toca comezar a moverse polo mundo adulto. Un momento de incerteza e inestabilidade no que moitas veces toca reconsiderar cousas que a priori semellaban claras.
Este é un proxecto cuxa mensaxe pretende arroxar un pouco de luz e calma sobre unha sociedade acelerada e voraz que impide recoñecer aquilo que de verdade anhelamos. Unha mensaxe que se dirixe especialmente as súas compañeiras de xeración, pero tamén ás que as precederon e as que están por vir. A estas xeracións amedrentadas polo medo ao futuro, “Nómades” lémbralles a importancia do inconformismo vital e dos vínculos profundos que superan obstáculos e nos fan crecer. Fala de comprender, rir, bailar, ouvear, suspirar, coñecer, correr, percorrer e, en definitiva, atopar un lugar no mundo. “Nómades” ensínanos a loitar pola nosa liberdade de ser, e de non saber ser.
Ademais, ao remate da proxección, o público poderá compartir coas creadoras as súas impresións sobre a peza, abordando temas centrais da mesma como a mocidade, amizade, incerteza no futuro, precariedade laboral ou inconformismo vital.