Narón ofrece un curso de Prevención de Riscos Laborais, PRL e Medio ambiente

A concelleira de Formación de Narón, Natalia Hermida, anunciou a apertura este xoves 13 do prazo de inscrición nun curso de Prevención de riscos laborais, Prevención de riscos laborais e medio ambiente no sector naval e Prevención de riscos laborais en espazos confinados e traballos en altura.

A convocatoria diríxese a un máximo de vinte persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, se ben poden apuntarse persoas desempregadas maiores de 18 anos doutros concellos que accederán á acción formativa no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas de Narón.

A duración do curso será de 107 horas -92 de Prevención de riscos laborais e quince máis de módulos adicionais-, que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, en horario de mañá. Está previsto que o curso se desenvolva do 26 de marzo ao 29 de abril deste ano.

As persoas interesadas en anotarse poderán facelo dende o citado xoves ás 8.30 horas ata o día 19 de marzo ás 13.30 horas a través do Rexistro xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Conceptos básicos sobre a seguridade e a saúde no traballo, riscos xerais e a súa prevención, riscos específicos e a súa prevención no sector correspondente á actividade da empresa, primeiros auxilios, prevención de riscos no sector naval, medio ambiente no sector naval, prevención de riscos laborais nos traballos en altura e nos traballos en espazos confinados… forman parte dos contidos que se abordarán nesta acción do Programa Municipal de Formación.

A edil naronesa explicou que se trata dun itinerario completo –hai que realizar todo o curso- e que se programou en base ás esixencias sobre estas materias para os traballadores das compañías que operan no sector naval. O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e as persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).

Lea también

El Centro Comercial Odeón acoge la exposición ‘Mulleres do ano de Narón’ para conmemorar el 8M

La exposición do 8M se podrá ver en el Centro Comercial Odeón hasta el próximo …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *