Ferrol en Común insta solicitar axudas para unha mobilidade sostible e repensar a estratexia respecto ao PMUS.

Ferrol en Común a través dun comunicado expresa que «o BOE publica axudas para unha mobilidade sostible, axudas directas para o fomento dos servizos públicos de préstamos de bicicletas, que poderían alcanzar os dez millóns de euros».

«Ferrol conta cun convenio xa vencido co concello veciño de Narón para o préstamo de bicicletas, unha flota obsoleta, con apenas uso público pola escaseza de paradas, a antigüidade das bicicletas, a pouca difusión e promoción da mobilidade sostible e a lentitude na implantación do carril bici, todo o que implica que a sensación de conducir un vehículo de dúas rodas, convértese nunha sensación de risco na cidade de Ferrol, que provoca un afastamento total da cidadanía de cara a este servizo publico».

«A renovación do parque de bicicletas debe pasar por un incremento exponencial das paradas, a modernización cara as bicicletas eléctricas e a implantación progresiva do carril bici en todos os barrios, algo plausible con vontade política a través da captación destes fondos públicos que permitirían a diminución do uso do vehículo privado e mais espazo para as persoas nas rúas da cidade, menos contaminación e o aumento de zonas verdes».

Sería para Ferrol en Común «a oportunidade perfecta para repensar o traballo privado de deseño dun PMUS que impón políticas retrógradas en materia de mobilidade, polo que instamos á súa presentación oficial pública, en lingua galega e aberta a un debate social que non se circunscriba aos partidos políticos, se non que sexa un Plan do que toda a cidade poida sentirse partícipe, cun prazo de achegas, debate e incorporación de propostas de consenso a través da Mesa da mobilidade e recuperando os traballos desenvoltos nos anos 2021 e 2022, que contaron con ampla participación».

Dende FeC «entendemos que aprobalo pola porta de atrás en Xunta de Goberno, un documento de vital importancia que afecta a calidade da vida cotiá da cidadanía non pode ser resolto nun exercicio de autocracia, rompendo o modelo europeo de cidades sostibles, que avogan por espazos para os peóns, zonas verdes e minimizando a pegada de carbono nos nosos barrios con vehículos non contaminantes».

Lea también

Conferencia sobre flora serpentínica da SGHN en Ferrol

Será este venres 27 dentro do seu ciclo de «Xuntanzas Naturalistas», e será impartida polo …