Narón destina 175.000 euros á mellora de camiños en Sedes, Castro, San Xiao e Piñeiros

O Concello de Narón acomete dende hai uns días parte das obras enmarcadas no proxecto de reposición do pavimento nos camiños das parroquias de Sedes, Castro, San Xiao e Piñeiros. Así o avanzou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que explicou que se mellorará a capa de rodadura do vial de comunicación interior entre Castro e Sedes (Salgueiral), o das Covas (Piñeiros), dous de Castro (Nelle e Pregordo) e un en San Xiao (Coira).

En conxunto, o investimento, cofinanciado polo Concello e a administración provincial, ascende a preto de 175.000 euros. Os viais que serán obxecto das actuacións previstas foron pavimentados hai máis de quince anos e o paso do tempo e a recente implantación do servizo da rede de saneamento deterioraron o firme, polo que dende o goberno local se priorizaron os traballos de reparación e regularización de bordos, tal e como consta no proxecto.

Nos citados camiños reforzarase a capa de rodadura, limpándose previamente as cunetas e noiros en todo o percorrido e rozando a maleza nos bordos para que as escorrentías sexan axeitadas. Tamén se repararán brandóns e fochancas cun tratamento asfáltico naqueles casos que así o requiran. As obras completaranse coa limpeza de tajeas, sinalización horizontal e outras intervencións recollidas no proxecto a executar.

Dende o Consistorio indicouse que o prazo de execución dos traballos é de tres meses. “As melloras viarias están entre as prioridades de actuacións do goberno local, dende onde a maiores deste proxecto, se definiron outros que permitirán reparar o estado actual de varios camiños da zona rural do termo municipal que así o requiren”, indicou a alcaldesa. A rexedora local apuntou que se trata de obras “que se irán desenvolvendo paulatinamente en canto as condicións meteorolóxicas permitan realizar eses traballos coa maior das garantías”.

Lea también

Narón acolle en maio o mundial de hip hop

A alcaldesa da cidade de Narón Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *