Solicitan tamén a cobertura total e a tempo completo das dúas prazas de pediatría asignadas ao centro de saúde das Pontes.
O Concello das Pontes e as Asociacións Veciñais inician este 12 de marzo, a campaña de recollidas de firmas para esixir, á Xunta de Galicia, a implantación, de forma urxente, do servizo de raios X no centro de saúde do municipio.
Esta medida encádrase dentro das accións postas en marcha polo goberno local para reclamar este servizo asistencial que evitaría os desprazamentos dos veciños e veciñas das Pontes ao centros sanitarios de Ortigueira, Pontedeume e Ferrol.
Desde o goberno local lembran que ao largo dos dous últimos anos “solicitamos, en reiteradas ocasións, á Consellería de Sanidade unha reunión para abordar esta cuestión e implantar o servizo de raios X no centro de saúde das Pontes sen recibir ningunha resposta pola súa parte”.
“Estase privando á veciñanza do acceso universal e gratuíto á sanidade, obrigándoos a realizar desprazamentos innecesarios que implican custes económicos e importantes perdas de tempo e non estamos dispostos a que isto siga ocorrendo. O centro de saúde das Pontes conta co espazo preciso para albergar este servizo e esixímoslle á Xunta de Galicia a creación inmediata deste servizo”, engaden desde o goberno municipal.
Asi mesmo o goberno local reclama da Xunta de Galicia non só a creación do servizo senón que se dote do orzamento axeitado e suficiente para poder sufragalo sen que teña que ser o Concello das Pontes quen acabe suplementando o gasto.
A través desta campaña, o Concello das Pontes tamén recollerá firmas para reclamarlle á Xunta de Galicia, a cobertura total e a tempo completo das dúas prazas de pediatría asignados ao centro de saúde local. O goberno municipal recorda que “só está cuberta unha das dúas prazas asignadas e non durante todos os días da semana o que está a provocar que os menores de 14 anos da nosa vila teñan que ser derivados, en moitas ocasións, aos servizos de atención pediátrica de Ferrol ou ao servizo de urxencias da área sanitaria”.
Esta circunstancia provoca que máis de 1.000 nenos das Pontes, menores de 14 anos, teñan que ser atendidos por profesionais sanitarios sen experiencia nin formación pediátrica de ningún tipo e, no caso dos menores de tres anos, a situación aínda é máis preocupante ao verse obrigados a desprazarse a 40 quilómetros para ser atendidos por un especialista en pediatría.
Desde o Concello das Pontes remarcan que se trata “dunha situación inadmisible”, recordando que esta situación non é nova. “Non é a primeira vez que desde o Concello das Pontes denunciamos a perda de servizos sanitarios no noso municipio, especialmente grave cando falamos de nenos. Non entendemos a falta de interese da Xunta de Galicia para articular solucións para non reforzar a atención sanitaria nas zonas rurais e garantir un dereito fundamental de todos os veciños das Pontes, especialmente da poboación infantil”.
A follas de sinatura estarán a disposición da veciñanza a partires do mércores 12, no Rexistro Municipal e nas asociacións veciñais do municipio.