Xa se coñecen os oitos proxectos que se desenvolverán nas Residencias Artísticas Mariñán 2025 convocadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Entre o 31 de marzo e o 11 de abril, compartirán espazo, recursos e experiencias Blanca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento.
As residencias de música do 31 de marzo ao 5 de abril, as dúas primeiras propostas, e do 6 ao 11 de abril, as outras dúas corresponderanlle a Ailén Kendelman (Unha señora orquestra), Abril (Investigación e creatividades para disco), Nanu (Creación de percusión para EP) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os xurados que seleccionaron os proxectos e destacou “a calidade das propostas presentadas”, un total de 29. Formaron o comité avaliador das residencias de literatura e pensamento —que teñen como comisario a Roberto Abuín— Sica Romero, Xosé Ricardo e Nieves Neira Roca; e o das residencias de música —das que é comisaria Aitana Cuétara— Noel Feáns, Beatriz Fontán e Carles Sala. Nas dúas reunións dos xurados actuou como secretaria, Manuela Lorenzo, xefa da Sección de Educación e Cultura da Deputación.
“Para nós, como administración”, explica Natividade González, “é unha obriga apoiar este tipo de proxectos xa non únicos, senón tan necesarios, e darlles ás creadoras e ós creadores todas as facilidades e recursos para que leven a cabo un traballo que logo nos devolven con propostas de indiscutible calidade e das que tanto gozamos”.
Segundo a deputada, “a estadía en Mariñán permítelles a todas e todos os participantes avanzar nos proxectos cunha perspectiva que é difícil adoptar fóra deste espazo en común, sen o acompañamento e a formación que lles proporcionamos para que, ademais, a súa obra chegue nas mellores condicións de recepción ao público e aos circuítos culturais”. “A experiencia en Mariñán é enriquecedora para músicos e músicas, autores e autoras, sempre nun ambiente de convivencia que propicia sinerxías que facilitan os procesos de creación e contribúe á calidade dos resultados”.
Proxectos de literatura e pensamento
Segundo o xurado, Mandrágora, de Blanca Trigo, propón “unha exploración mitopoética da conexión entre o ‘queer’, a ritualidade e o cotián, así como unha pertinente e novidosa resignificación da noción de bruxa ou meiga na súa conexión coas disidencias sexuais e de xénero”.
Camiños do desexo, de Sergio Marey, “é unha interesante proposta dunha escritura autoficcional e fragmentaria dunha persoa non binaria desde unha perspectiva disidente no rural galego, de valorar pola que implica na produción de subxectividades alternativas ás heteronormadas”.
Coro priscilianista, de Paula Sanmartín, preséntase como “unha proposta de ensaio filosófico que cruza a figura de Prisciliano co pensamento contemporáneo, con diálogos contracoloniais e ecofeministas, a autora artella un discurso crítico lúcido e de gran pertinencia no contexto cultural galego”.
O amor ao territorio, de María Bella, “desenmascara a violencia que esconden os discursos e prácticas capitalocéntricas do amor ao territorio, nun proxecto no que a autora propón unha investigación do máximo interese na actualidade sobre as formas extractivas de ocupación do rural galego, procurando fórmulas de lexitimación da súa cultura”.
Ailén Kendelman está á fronte d’Unha señora orquestra, un proxecto no que participan 12 persoas e do que o xurado valorou “a interdisciplinariedade entre o circo, a dramaturxia, a música e o discurso feminista”.
Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran un proxecto de investigación e creatividades para disco, no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidado repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O xurado valorou especialmente “a frescura da proposta e a temática cara a unha ocupación polo sentimento de colectividade”.
A multiinstrumentista, compositora e produtora Nadia Sniba e o técnico de son e vídeo e picadiscos Nacho Carmona traballaran no proxecto Creación de percusión para EP, co que Nanu pretende tecer unha ponte entre o folk experimental e a canción pop/rock, e do que o xurado destaca “o recoñecemento intercultural da raíz e a procura do punto de encontro Marrocos-Galiza a través das percusións”.
Con Ronco: disección anatómica da gaita estará en Mariñán Incra, un colectivo de arte sonora e visual que pon, desde as posicións de escoita e a observación, a atención sobre os sons de actividades industriais e oficios tradicionais do noroeste da península, principalmente Asturias e Galicia. Formado polos investigadores e artistas multidisciplinares Andrés Rodrigues e Iván Nespereira, da proposta o comité avaliador salienta “a súa valentía e o tratamento da gaita como obxecto cultural dende o punto de vista etnográfico e antropolóxico”.