A concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, presidiu esta mañá a celebración da Mesa Local do Comercio, na que participaron Belén Hevia, xefa do Servizo de Ordenación da Subdirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria; María Sol Díaz e Eva Pena, presidenta e tesoureira, respectivamente, da Asociación de Comerciantes de Narón; Rosa Otero, representante da Asociación de Amas de Casa; a concelleira Beatriz Mosquera e persoal técnico municipal, co secretario xeral do Concello, Alfonso de Prado, á fronte.
A edil naronesa iniciou a convocatoria coa aprobación da acta da sesión anterior, para continuar abordando a situación actual do sector comercial na cidade. “O comercio ao por menor continúa sendo un dos principais motores do sector no municipio e goza de moi boa saúde”. Ameneiro destacou a implantación nos últimos anos de novos comercios no termo municipal, pertencentes a diversos sectores e a súa calidade e atención máis próxima á cidadanía.
As representantes da ACN recordaron as accións levadas a cabo para dinamizar o sector durante o pasado ano, algunha delas en colaboración co Concello en base a un convenio de colaboración, como a campaña de Nadal, e tamén avanzaron algunhas das previstas para este ano. Dende a Asociación de Amas de Casa tamén se plantexou a posibilidade de que as nenas e nenos teñan un maior protagonismo nalgunha das campañas, contando coa colaboración dos centros de ensino. No transcurso da convocatoria tamén se abordou a posibilidade de realizar algúns cambios para mellorar campañas que xa están consolidadas na cidade, incentivándoas cun incremento na cantidade de premios ou na contía dos mesmos no caso de que sexan económicos.
Pola súa banda, a representante da administración autonómica recalcou a importancia de retomar este tipo de convocatorias “como un órgano de coordinación e participación entre asociacións de comerciantes e Concello como foros de debate” e apostou por intensificar este tipo de encontros, aos que avanzou que acudirá o director xeral de Comercio. A concelleira de Promoción Económica preguntou a Belén Hevia por posibles convocatorias de subvencións ás que se poidan acoller dende o sector, indicando que en breve sairá unha para modernización dos establecementos, na área de dixitalización.
Finalmente, Ameneiro agradeceu a participación de todos os presentes na Mesa Local do Comercio e tamén recalcou a importancia destas convocatorias.