Se invisten 48.400€ na antiga casa do conserxe do EIS de Catabois de Ferrol, para habilitar novos espacios educativos

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitaron esta semana o IES de Catabois no que o Goberno galego vén de facer un investimento de 48.400 euros para o acondicionamento da antiga casa do conserxe.

Concretamente os traballos que permitirán ao centro dispor de novos espazos educativos, incluíron actuacións de demolición, modificacións interiores dos espazos e execución de novos pavimentos. O proxecto incluíu ademais o pintado de teitos e paredes, a instalación de novas carpinterías e a instalación de nova fontanería cun novo mesado e dous lavabos.

O novo espazo irá destinado aos Polos Creativos, á radio, e ás actividades de internacionalización do centro que está incluído no proxecto Erasmus+. Ademais empregaranse as novas salas para realizar nela todo tipo de actividades de dinamización. A delegada territorial apuntou que actuacións coma esta reafirman o compromiso do Goberno galego cunha educación pública de calidade “que pasa tamén por ofrecer uns centros educativos con espazos confortables, seguros e accesibles”, indicou.

O Goberno galego leva investidos máis de 830.000 euros nos últimos anos en melloras neste centro educativo que en 2023 foi obxecto dunha reforma integral encamiñada a mellorar a eficiencia enerxética do inmoble.

A intervención está incluída dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para a modernización dos centros educativos e que en Ferrolterra recolle actuacións por valor de 16 M€, onde tamén están incluídas obras en execución como a ampliación do CPI As Mirandas (3,1 M€), a comprometida rehabilitación integral do CIFP Leixa (1,5 M€) ou a recentemente rematada ampliación da aula-restaurante do CIFP Fraga do Eume (365.000 euros).

Lea también

El BNG califica de “escándalo” la recapitalización en Emafesa

La decisión del gobierno municipal de Ferrol de recapitalizar Emafesa para pasar del 49% al …