A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o xerente do Agadic, Jacobo Sutil, e o director do Padroado da Cultura, Luciano Fernández, presentaron no Pazo da Cultura a décima edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular. A rexedora local avanzou que se desenvolverá do 7 ao 30 de marzo no Pazo da Cultura e que inclúe unha ducia de espectáculos, dos que oito foron para público adulto e catro para infantil.
A maiores, tal e como indicou, levaranse a cabo actividades paralelas, como un obradoiro de teatro, unha mesa redonda, unha rolda de negocios, un seminario de clown e a tradicional asamblea de Redelae. O xerente de Agadic destacou que se trata “do primeiro dos festivais que temos en Galicia dos que consideramos estratéxicos dende a Xunta de Galicia”.
Sutil incidiu na “magnífica programación” e “a especificidade do festival e o seu carácter internacional na programación, nos convidados e nas actividades paralelas”, e recalcou a implicación do Consistorio nesta iniciativa, que permite “continuar dándolles ás compañías galegas a oportunidade de difundir a súa arte”. “Narón é un dos concellos máis activos dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, non só pola programación que compartimos senón tamén pola participación nas distintas asembleas”, indicou.
Pola súa banda, a alcaldesa da cidade, enumerou as actividades paralelas que se desenvolverán a maiores das representacións teatrais, que “veñen a completar este festival”. Ferreiro explicou a “ambición internacional” dese evento, en canto ao seu espírito, o que nesta edición traerá a compañías de Cuba e Arxentina.
A maiores, incidiu na importancia de fomentar a presencia de compañías galegas, como é o caso, cunha presencia prioritaria. «Outra das nosas apostas é a presenza feminina neste festival, cun 80% mínimo de espectáculos protagonizados por elas en cada edición, poñendo en valor o traballo das mulleres no mundo das artes escénicas», sinalou. “Agradecemos a colaboración tanto da Xunta de Galicia, a través de Redelae, como da Deputación da Coruña para colaborar con nós nesta convocatoria”.
A mesa redonda, a través dos directores dos tres teatros principais de Galicia, de Santiago, a Coruña e Ourense, vaina moderar María Paredes, coordinadora de Rede Galega de Teatros, tal e como avanzou o director do Padroado. Fernández explicou que 16 persoas de compañías galegas estarán na rolda de negocios explicando os seus proxectos. Do total, 13 son directores de festivais internacionais de América Latina, Chicago e New York e tres de festivais en San Sebastián, Gran Canaria e Tenerife. “Son entrevistas persoais entre os directores e as compañías de cara a ofrecerlles novas oportunidades”, apuntou.
O 7 de marzo poderase ver a obra “Una madre de película” -20:30 horas- da compañía madrileña Pentación e protagonizada pola actriz Toni Acosta e o día 8 “O deus do pop” -20:30 horas- da compañía galega Diego Anido, interpretada por el mesmo. A seguinte fin de semana, o día 14 representarase “La 4TA Lucía”, da firma cubana Aire Frío -20:30- e o día 15 “Macho grita”, do madrileño Alberto San Juan -20:00-.
Na xornada do 21 de marzo poderase ver “Pequenas mentiras para contar grandes verdades”, da galega Chévere -20:30- e protagonizada por Patricia de Lorenzo e o 22 “Hoy tengo algo que hacer”, da madrileña Teatro del Barrio -20:00-, coa interpretación de Luis Bermejo. As dúas últimas pezas para público adulto serán unha estrea o día 28, “La Celestina”, da compañía arxentina Rey Marciali Producciones -20:00- e a obra “Vicio houbo sempre”, da galega Atenea García -20:00-.
No apartado de público familiar e infantil, o día 9 de marzo representarse “As verbas de Luísa”, de Manuela Varela; o 16 a obra “Kyoki”, de Elefante Elegante; o 23 “Contos para entender (nos) mellor”, de Cris de Caldas e o 30 “Lúa quere viaxar a… Marte!”, da Xanela do Maxín. Nos catro casos trátase de representacións a cargo de compañías galegas e que darán comezo ás 18:00 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura. As entradas para asistir a estes espectáculos pódense adquirir no despacho de billetes do Pazo o una web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.
En canto ás actividades paralelas deste festival, do 10 ao 13 de marzo o auditorio municipal acollerá un obradoiro de teatro sobre “O actor e o seu proceso creativo”, impartido por Beatriz Viñas (Cuba) e o día 21 haberá no Pazo unha mesa redonda sobre “Programación en Galicia de espectáculos internacionais”.
Así mesmo, o 22 de marzo terá lugar unha rolda de negocios, que consistirá nun “Encontro con programadores nacionais e internacionais (membros de Redelae) e compañías de teatro galego” no Pazo. A tradicional asamblea de Redelae terá lugar o 23 de marzo no Pazo e, finalmente, do 25 ao 27 dese mes a arxentina Julieta Daga impartirá un “Seminario de clown” no auditorio municipal.