Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal aproba actuacións e orzamento 2025

A Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal ven de celebrar a Asemblea Xeral Ordinaria, onde se aprobou un orzamento por importe de case 350.000 € para o ano 2025, o cal se compón de 137.255 € de fondos propios, 122.000 € dunha subvención de concorrencia competitiva solicitada á Deputación Provincial da Coruña e as partidas correspondentes os excedentes do ano 2024 e financiación externa.

Do mesmo xeito, aprobáronse as contas anuais do pasado exercicio e o plan de actuación para este 2025. Nela estiveron os alcaldes e concelleiros dos 7 concellos que forman parte da asociación, xunto con representantes do Comité Científico e de Entidades Amigas.

A asociación deu conta de todas as actuacións levadas a cabo no derradeiro ano, destacando a asistencia a feiras e eventos como FITUR, o encontro especializado de ecoturismo Nature Watch en Santander, o encontro anual da European Geoparks Network (EGN) en Marrakech e o Foro Español de Geoparques en Granada.

Resalta tamén a organización por parte da asociación de eventos relevantes como as Olimpíadas de Xeoloxía, a Semana dos Xeoparques Europeos (con saídas, charlas e obradoiros con escolares) e o XXII Simposio da ensinanza da xeoloxía. Outros dos eventos destacados foron o primeiro aniversario como Xeoparque Mundial UNESCO, celebrado o 24 de maio, a celebración do Día da Xeodiversidade, coa colaboración da Sociedad Geológica de España e financiado pola Deputación Provincial de A Coruña a través do Plan de Sostenibilidade Turística a executar no Xeoparque Cabo Ortegal, e a primeira reunión presencial do Comité Científico do Xeoparque.

Dentro do plan de actuacións para os próximos meses, destaca a organización de novo da Semana Europea de Xeoparques no vindeiro mes de maio, a participación en foros e congresos especializados, e a consecución das actuacións incluídas dentro do programa presentado á subvención DP0030 da Deputación: campaña especial de comunicación con influencers do territorio, creación dun banco de imaxes e fotografías históricas, deseño de novo material divulgativo, etc.

Outro dos obxectivos para este ano é o traballo en rede co Xeoparque Montañas do Courel, incentivando o traballo en rede co outro único xeoparque galego. Ademais, nesta asemblea, deuse conta do estado do proceso de selección das dúas prazas convocadas para a oficina técnica do Xeoparque, xerencia e xeólogo/a, estando programada para o próximo 28 de febreiro o exame correspondente á praza de xerencia.

Tal e como establecen os estatutos, é na asemblea xeral ordinaria onde se revisan e aproban as solicitudes das novas Entidade Amiga do Xeoparque, sendo en esta ocasión aprobada a Asociación de veciños de Santa María de Mera, de Ortigueira. Esta entidade ven a sumarse ás 32 xa adheridas ata o momento.

Xeoparque Mundial da UNESCO Cabo Ortegal

A peculiaridade desta área reside en que aquí están na superficie rochas que habitualmente se atopan no manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade. A ciencia xeolóxica ten no Ortegal un grande campo para investigar e ampliar o seu coñecemento sobre os cambios e momentos que viviu a Terra durante millóns de anos.

Agora, co Xeoparque Cabo Ortegal o que se pretende é ampliar ese saber levándoo fóra dos círculos especializados. Trátase de facer que todo isto sexa coñecido e valorado en primeiro lugar polos arredor de 28.000 habitantes dos sete concellos, pero tamén que se converta nun referente divulgativo e turístico para persoas do resto do mundo, sexan especialistas ou non.

O patrimonio xeolóxico, o patrimonio natural e paisaxístico, o patrimonio cultural material e inmaterial -construcións, tradicións, gastronomía, etc.- están intimamente ligados dentro do Xeoparque, xa que malia tomarse a xeoloxía como punto de partida, o obxectivo que se persegue é o de alcanzar un desenvolvemento sustentable no territorio onde todos eses aspectos estean relacionados e coordinados baixo o paraugas desta figura da UNESCO

O proxecto comezou oficialmente a súa andaina para converterse en Xeoparque Mundial da UNESCO en 2020, cando foi formalmente constituída a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal, dotándose así da personalidade xurídica propia esixida pola UNESCO para a presentación do proxecto de candidatura.

Preséntase en primeira instancia este ano con resultado desfavorable. Xa en 2021 e cos deberes aprendidos, presentase de novo e en este caso, con resultado positivo. Foi no verán de 2022 cando recibimos a visita da comitiva de avaliación de dous auditores da UNESCO: Chris Woodley-Stewart – Geoparque North Pennines (Reino Unido), e César Goso Geoparque Grutas del Palacio (Uruguay).

Despois de moito traballo e un informe positivo de estos avaliadores, o 24 de maio de 2023 anunciase oficial e publicamente a que Cabo Ortegal xa é Xeoparque Mundial da UNESCO, converténdose así no segundo de Galicia e o único territorio da Península Ibérica que obtén o distintivo nesa anualidade

Lea también

Patricia, primera niña nacida en el paritorio provisional en Ourense apenas una hora después de concluir el traslado

El CHUO ejecutó por la mañana el traslado de obstetricia y pediatría mientras madres y …