O Pazo da Cultura de Narón acolleu na tarde do martes 18 a inauguración da exposición As caras do entroido ourensán, con preto dunha trintena de acuarelas do pintor José Manuel Fernández Sánchez, ourensán de nacemento pero veciño de Narón dende hai varios anos. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, inaugurou xunto co autor a mostra, que poderá verse ata o vindeiro 4 de marzo no Pazo.
O pintor explicou que se trata dunha exposición na que se poden ver 28 traxes distintos de 28 lugares tamén diferentes da provincia de Ourense. A través da mesma, indicou “quero que se vexa a riqueza cultural nese ámbito na provincia, onde hai unha gran tradición pola celebración do Entroido”. Os cadros teñen unha gran combinación de cores e moita vida, tal e como explicou, asegurando que “é un traballo de moito tempo, que comecei no ano 2016 cunha serie de obras e que lendo escritos e tradicións, visitando pobos, foron xurdindo máis”.
Ferreiro destacou que Fernández Sánchez é “un nome moi vencellado á nosa cidade e á nosa cultura”, recordando que mesmo nalgúns espazos do Pazo da Cultura locen algunhas das súas obras. Recordou tamén a rexedora local a súa dilatada traxectoria artística, partindo como autodidacta, e que o levou a gañar numerosos premios, entre eles o Francisco Criado do Concurso de Pintura Cidade de Narón no ano 2008, un certame do que no ano 2009 quedou segundo e que gañou no 2014, na sexta edición, cando aínda se celebraba na parroquia de San Xiao, donde xurdiu de mans da AVV Ceibe.
A alcaldesa animou ós veciños de Narón e tamén doutros concellos a achegarse ao Pazo para poder ver esta exposición, ao tempo que felicitou ao autor das obras polo seu labor “en canto á difusión a través da pintura dunha parte moi importante da nosa cultura”.