O escritor ferrolán Manuel José Díaz Vázquez presenta este xoves 20 na Biblioteca municipal de Narón o seu libro “Apuntamentos e memorias do peor estudante do mundo”. Así o anunciou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, indicando que no acto de presentación, que dará comezo ás 18:30 horas, o autor estará acompañado polo poeta naronés Enrique Rodríguez Franco.
A novela de Díaz Vázquez transporta aos lectores ao ambiente educativo das décadas de 1960 e 1970 a través das vivencias dun estudante pouco convencional. A obra presenta un relato que reconstrúe as peripecias dun neno dende os seus primeiros anos de escola ata a adolescencia, poñendo o foco nas súas relacións familiares e escolares, ofrecendo unha visión crítica e entrañable do sistema educativo da época.
O autor é licenciado en Filoloxía e compaxinou os seus estudos coa súa paixón pola escrita. O seu percorrido literario inclúe diversas novelas en galego e castelán, como “Queixo fresco con marmelo”, “Ás vacas da señora Helena non lles gusta o pemento picante” ou “La calavera de Yorik”. Participou tamén Díaz Vázquez en antoloxías literarias, recitais e conferencias.
As persoas que acudan á presentación do libro poderán coñecer de preto a obra, conversar co autor e mesmo adquirir algún exemplar da publicación.